Amizade convida a participar no seu grupo de apoio 'Mulleres Diversas'
Por Redacción
No ano 2018, as socias de Amizade impulsaron a posta en marcha dun grupo informal que tempo despois denominaron como 'Mulleres Diversas'. Trátase dun grupo aberto a todas as persoas queiran participar sexan socias ou non da entidade.
As condicións da pandemia da covid-19 levan a este grupo a mudar as reunións cara a un formato online, a partir deste mes de outubro. Anteriormente, o grupo reuníase con carácter regular dous días ao mes no Centro Cultural de Monte Porreiro.
A asociación Amizade manifesta que precisamente coa "situación derivada da crise sanitaria, fíxose máis evidente para o grupo a necesidade de crear redes, de interconectarse con outras mulleres con e sen discapacidade, coa sociedade".
Por este motivo, dende a asociación radicada en Monte Porreiro, convidan a todas as persoas interesadas a participar nas reunións de 'Mulleres Diversas'. A solicitude pódese facer a través do correo electrónico (mulleresdiversas@asociacionamizade.org) ou no teléfono 687 96 94 78.
As actividades e accións diversas levadas a cabo ata agora polo grupo foron: unha charla sobre o empoderamento das mulleres a través do deporte, un tuppersex, unha sesión fotográfica, unha acción guerrilla aos locais de ocio nocturno inaccesibles da cidade, participación activa nas manifestacións do 8 de Marzo e 25 de Novembro e continuas reclamacións ao Sergas pola inaccesibilidade dos sillóns xinecolóxicos e a violencia obstétrica á que se ven sometidas.