Rexistran trece solicitudes para as axudas a autónomos e microempresas pola covid-19
Por Alejandro Espiño
Desde a apertura do prazo para as solicitudes das axudas municipais para os autónomos e as microempresas afectadas pola covid-19 foron trece os interesados que xa presentaron as súas solicitudes na oficina aberta polo Concello na rúa Dona Tareixa.
O prazo para solicitar as axudas, segundo recorda Anabel Gulías, remata o 14 de outubro.
A portavoz do goberno municipal destaca que na oficina Supera20 neste momento o volume de traballo céntrase no asesoramento para que os solicitantes presenten a documentación correctamente "en tempo e forma" e evitar posteriores requirimentos e correccións.
Ademais desta atención presencial -previa solicitude de cita-, os interesados en concorren a estas axudas teñen operativas dúas liñas de teléfono, 618 385 048 e 681 264 835, para recibir este asesoramento por parte dos técnicos municipais.
A convocatoria Supera20, que ten un orzamento de 1.250.000 euros, está dirixida a persoas traballadoras autónomas e as entidades da economía social e microempresas que empreguen a menos de 10 persoas.
Contemplan unha porcentaxe subvencionable que poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto e a contía máxima de cada axuda será de 5.000 euros por solicitude; así como un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida.
Dentro desta iniciativa, subvencionaranse accións de modernización e mellora de locais, centros de traballo e establecementos empresariais e comerciais con atención directa ao público que tivesen suspendida a súa actividade durante o estado de alarma.
Así, entre outras cousas, poderanse abordar actuacións de dixitalización e de implantación de tecnoloxías dixitais, a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, a renovación, embelecemento e ornato dos locais, a redución do consumo de enerxía ou melloras xerais como a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates.
Relacionadas:
-
Máis de 200 autónomos e microempresas solicitaron as axudas municipais pola covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 50 particulares e micropemes xa solicitaron axudas Supera20 ao Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Ciudadanos quere que as axudas Supera20 para autónomos poidan destinarse tamén ao pago de facturas
Por Manu Otero |
-
Abre a oficina Supera20 para informar sobre as axudas a autónomos e micropemes afectados pola Covid
Por Redacción |
-
Xa se poden solicitar as axudas Supera20 para autónomos e micropemes
Por Oskar Viéitez |