As orcas que atacaron os temóns de veleiros en Galicia fixérono tras un incidente cun barco no Estreito
Por Redacción
Os científicos do Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma) conclúen que os 22 casos rexistrados este verán de interaccións de orcas con veleiros ao longo da costa galega poden estar relacionadas cun incidente deste grupo de tres baleas, nomeadas polo equipo de investigadores que as sigue como Gladis, cunha embarcación deste tipo que desencadeou unha serie de comportamentos preventivos nos cetáceos consistentes en manipular o temón dos veleiros co obxectivo de diminuír a velocidade da embarcación.
Descoñecen os científicos consultados pola Cemma se o detonante destes comportamentos nunca antes vistos en Galicia foi un feito accidental ou voluntario. Si que hai constancia en augas do Estreito de que as interaccións de orcas novas con barcos de diverso tipo son habituais e prodúcense pola mera curiosidade dos mamíferos.
"Son especialmente atractivas para os cetáceos en xeral, e para as orcas en particular, a parte traseira dos barcos, onde existen estruturas móbiles e ruidosas", recolle o estudo ao que fai referencia a Cemma.
Con todo, e dada a falta de evidencias, os investigadores tampouco descartan que estas interaccións sexan un comportamento inducido polo seu propio interese e curiosidade dado que "ao tocar partes móbiles do barco poden mover ou chegar a deter un gran obxecto en movemento", recolle outra das hipóteses.
Estes individuos avistados en Galicia na súa habitual migración cara o norte procedentes do sur de Portugal pertencen, segundo puideron constatar os científicos, á subpoboación das orcas do estreito de Xibraltar.
O informe da Cemma recolle que desde o 10 de agosto empezáronse a rexistrar orcas pola costa de Galicia. O día 19 foron avistados 13 exemplares repartidos en tres grupos do que só un realizou interaccións con barcos. A última interacción foi rexistrada o 30 de agosto.
Despois de inspeccionar as embarcacións, os científicos constaron que só o 15 % dos contactos ocasionaron danos aos veleiros.
En total rexistráronse 46 contactos entre orcas e humanos, dos que o 52%, 24 casos, consistiron en simples avistamentos. Os restantes, foron interaccións con veleiros saldándose o 13% sen consecuencias, o 20% con danos leves que non impediron a vegación, o 15% sufriron danos que si impediron a nevagación aínda que en ningún momento perigou a integridade da nave nin da tripulación.
Con todo, si que se produciron situacións de angustia entre os mariñeiros nalgunhas situacións porque as interaccións ocorreron de noite, foron duradeiras e producíronse movementos bruscos do temón ou xiros na embarcación.
A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños contou coa colaboración das investigacións realizadas polo Grupo de Traballo internacional de expertos en cetáceos, que coñecen en profundidade ao grupo de tres orcas que interactuou cos veleiros en Galicia, para arroxar luz sobre uns encontros que xeraron un intenso debate durante as últimas semanas do verán en Galicia.
Relacionadas:
-
Persoal do Cemma estuda o corpo dunha balea varada na Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Unha balea e dous golfiños mortos aparecen nas praias da Lanzada e Bascuas
Por Manu Otero |
-
Investigadores do Grove buscarán como minimizar a interacción das candorcas cos veleiros
Por Redacción |
-
Aparece morta na praia de Paxariñas unha cría de cetáceo
Por Redacción |
-
Investigadoras do Grove avistan 77 baleas en catro días
Por Oskar Viéitez |
-
O lobo mariño 'Rube' recupérase na Illa de Arousa tras quedar atrapado nun aparello de pesca
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Tres candorcas atacan e rompen o temón dun barco de vela
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Avistada unha manda de candorcas nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |