Renfe 'deixa en terra' a ducias de pasaxeiros ao circular os trens cheos e con menos frecuencias
Por Alejandro Espiño
Ata catro trens que o pasado domingo pasaron por Pontevedra, procedentes desde Vigo e A Coruña, circularon completamente cheos, o que impediu que decenas de pasaxeiros, sobre todo estudantes que ían a Santiago, non puidesen utilizar o transporte ferroviario.
É a denuncia pública que realiza o sindicato CGT, que engade que a decisión de Renfe de non recuperar as frecuencias canceladas en Galicia tras o estado de alarma provoca que non se estea ofrecendo aos usuarios galegos un servizo de calidade.
Os traballadores explican que a empresa argumenta a falta de viaxeiros nas liñas do rural e a adecuación das circulacións á demanda, "esquecéndose da súa responsabilidade" como servizo público ou obviando o aumento dos fluxos de viaxeiros entre Vigo e A Coruña.
Por iso, desde CGT remitiron un escrito á dirección de Renfe para esixir a restitución dos servizos ferroviarios en Galicia e cuxa cancelación afectou principalmente aos usuarios das zonas rurais, ao suprimirse trens que facían esas paradas.
Ademais, o sindicato afirma que os recortes pola pandemia da covid-19 provocou tamén a supresión ou redución de servizos como a atención ás persoas con mobilidade reducida que, no caso da estación de Pontevedra, pasou de ser presencial a requirirse petición previa con tres horas de antelación.
Con respecto ao novo servizo Pontevedra-Madrid-Pontevedra por Santiago, que ten previsto activarse o próximo 16 de outubro, CGT solicita que nos tramos entre Pontevedra e Santiago se autorice a venda de billetes de media distancia.
Esta medida, sinalan desde o sindicato, permitirá aumentar a oferta entre Pontevedra, Vilagarcía e Santiago en horarios nos que non circula ningunha alternativa de media distancia. O horario de volta deste tren prevé a chegada a Pontevedra ás 23:55 horas.
Relacionadas:
-
Renfe permite cambiar billetes sen custo engadido aos viaxeiros en illamento por Covid
Por Redacción |
-
Denuncian interrupcións inxustificadas na venda de billetes nas estacións de Pontevedra e Vilagarcía
Por María José Pita |
-
Renfe estrea o 27 de outubro o novo tren entre Pontevedra e Madrid por Santiago
Por Alejandro Espiño |
-
Renfe ofrecerá dúas viaxes máis entre Santiago e Vigo os días 12 e 18 de outubro para atender a demanda estudantil
Por Redacción | Creada e actualizada
-
"Máxima preocupación" en Galicia polo recorte nas frecuencias dos trens
Por Redacción |
-
A CGT acusa a Renfe de non desinfectar os trens entre A Coruña e Vigo despois de cada viaxe
Por Redacción |