Vilagarcía ampliará o parque canino de Fexdega e creará dous máis
Por Redacción
A Xunta de Goberno local do Concello de Vilagarcía aprobou este luns adxudicar á empresa Zona de Ocio O Rosal o contrato para a ampliación do parque canino de Fexdega e a creación de infraestruturas similares no barrio do Piñeiriño e na zona de A Tomada (Carril).
A actuación, que se financia a través do Plan Concellos da Deputación, adxudicouse por 40.627 euros, o que supón un aforro de 7.170 euros respecto ao prezo de licitación. Ademais, a empresa ofertou a maiores do recollido nos pregos a instalación dun valado perimetral no parque de Fexdega.
Con esta nova actuación, o Concello de Vilagarcía continúa aportando pola creación de espazos dedicados en exclusiva ao ocio e esparexemento dos cans que se sumen ás infraestruturas xa existentes en Fexdega e na praia do Castelete, en Sobradelo. O contrato que se vén de adxudicar consiste no subministro e instalación de material e mobiliario urbano axeitado para este tipo de instalacións.
Así, comprarase a madeira para construír os valados perimetrais que terán 1,2 metros de alto e unha separación entre barrotes non superior aos 5 centímetros, a efectos de evitar que se poidan escapar os cans de menor tamaño. Os recintos contarán con acceso de dobre porta e zona intermedia onde os donos poden quitar e colocar comodamente a correa aos animais á entrada e saída do recinto, evitando así que se lles poidan escapar cara a calzada. Tamén se dotará a cada espazo de papeleira con dispensador de bolsas para a recollida de excrementos, papeleiras para refugallos xenérico, bancos para as persoas, panel informativo e fonte con dúas billas, unha delas dotada de pileta onde poidan beber os cans.
O novo espazo a crear en Fexdega terá unha superficie total de 1.192 metros cadrados e emprazarase na parcela situada a continuación do actual parque de xogos caninos. Na urbanización do Piñeiriño, xunto ao parque público, crearase a nova zona de uso exclusivo para cans cunha superficie de 816 metros cadrados e a da Tomada disporá de 1.563 metros de superficie.
O goberno socialista creou no anterior mandado o primeiro parque canino do Concello de Vilagarcía en Fexdega, unha infraestrutura demandada tanto polos donos de mascotas como polo resto da cidadanía, xa que a dispoñibilidade de recintos exclusivos para cans contribúe ao benestar dos propios animais, que dispoñen dun espazo propio para exercitarse e xogar con outros animais sen necesidade de usar parques, zonas verdes ou outros espazos públicos pensados para o goce e esparexemento de persoas. Ademais, esta separación evita os típicos problemas de hixiene e limpeza e facilita a convivencia entre cans e persoas. Seguindo estes mesmos obxectivos, tamén se habilitou a Praia do Castelete como Praia Canina.