O pleno de Bueu aproba unha modificación extraxudicial de créditos para gastos derivados da Covid-19
Por Redacción
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de outubro, en cuxa orde do día figuraban asuntos como a aprobación dunha modificación extraxudicial de créditos, os festivos locais para o ano 2021, unha moción sobre a creación dunha área de autocaravanas ou a toma da acta de concelleiro polo BNG de Alberto Moital.
O primeiro dos temas foi a toma de posesión do cargo de concelleiro de Alberto Moital Cerviño en substitución de Inmaculada Rodríguez Dias, que renunciara hai uns meses por motivos persoais. Os voceiros dos grupos municipais desexáronlle unha boa estadía a Moital e ofreceron toda a colaboración, ao tempo que o alcalde o convidou a "vivir o presente e o futuro que ten por diante o Concello".
Avanzando xa nos demais asuntos, a continuación debateuse a proposta de aprobación inicial de expediente de modificación de créditos por importe de 34.000 euros, que se destinan a gastos derivados da Covid-19, como son o persoal de desinfección dos centros educativos, os produtos de limpeza específicos, e outros como o vestiario e cadeiras para a Policía Local.
Segundo apuntou o edil de facenda, Julio Villanueva, este é "un instrumento plenamente legal e que se aplica habitualmente nos concellos". Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, botoulle en cara ao goberno local que non tivese en conta as alegacións que o seu grupo fixera ao Orzamento Xeral de 2020, xa que reclamaba precisamente o que se aprobaba onte. José Manuel Vilas, representante do PSOE, declarou que "boto en falta un pouco máis de especificación en canto aos gastos". A proposta, aínda así, aprobouse por unanimidade, cos votos a favor de todos os grupos da corporación.
Os festivos locais para o ano 2021 foi outro dos asuntos que se aprobou cos votos a favor de BNG, PP e PSOE e en contra de ACB. Así, como é habitual, no próximo ano serán festivos o 16 de xullo, coincidindo co Carme, e o 11 de novembro, con San Martiño.
O último tema da parte resolutiva da sesión referiuse a unha moción para a creación dun espazo para autocaravanas presentada polo PP. O grupo do BNG, encabezado polo seu voceiro Xosé Leal, desbotou a proposta dado que "non ten sentido, sobre todo cando o goberno local leva moitos anos traballando en diversas alternativas, públicas e privadas, para crear unha área destas características, para o que xa mantivemos encontros con colectivos". O voceiro de ACB e vicealcalde do goberno, Julio Villanueva, manifestou a abstención dado que a moción non inclúe ningunha proposta de área concreta e que lle consta que no Concello se leva anos traballando neste asunto. Polo tanto, a moción foi desestimada, ao contar cos votos en contra de BNG, a abstención de ACB, e a favor de PP e PSOE.