Denunciado un condutor sen carné que presentou un permiso venezolano falso para tentar enganar a Tráfico
Por Natalia Puga
A Garda Civil mantén a calidade de investigado a un condutor de nacionalidade venezolana que foi sorprendido conducindo un coche en Caldas de Reis a pesar de carecer de permiso e facilitou aos axentes de Tráfico un suposto permiso de conducir venezolano que resultou ser falso para tentar eludir a sanción.
Os feitos ocorreron sobre as 16:50 horas do venres 2 de outubro. Os axentes do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra estaban a realizar un control de velocidade na estrada N-640 en Caldas de Reis cando detectaron que un condutor excedía o límite permitido para a zona.
Os axentes déronlle o alto ao vehículo para notificarlle ao condutor unha denuncia administrativa por exceso de velocidade, detectada polo radar, e realizaron as oportunas comprobacións sobre a documentación do propio condutor e do coche. Aí detectaron que o exceso de velocidade era tan só una das súas infraccións.
Así, comprobaron que o vehículo carecía do seguro obrigatorio e tiña a ITV caducada desde outubro de 2018. En canto ao condutor, pedíronlle o seu permiso de conducir e facilitoulles unha fotocopia plastificada dunha suposta autorización de conducir venezolana, pero non consta que sexa posuidor de permiso de condución algún.
O Grupo de Investigación e Análise da Agrupación de Tráfico da Garda Civil ( GIAT) fíxose cargo de investigación e pescudou que no mes de xuño do pasado ano o subsector de Tráfico da Garda Civil de Baleares xa lle instruira dilixencias a este mesmo condutor por carecer de permiso de condución.
Como resultado de todas estas investigacións e infraccións, o condutor, veciño de Vigo, está investigado por dous supostos delitos, un contra a seguridade viaria por carecer de permiso de condución e outro de falsidade documental, polos que renderá contas no Xulgado de Caldas de Reis.
O delito de tráfico que se lle atribúe está tipificado no artigo 384 do Código Penal e pode supoñer penas de prisión de 3 a 6 meses, multa de 12 a 24 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días.
Ademais, a este condutor denuncióuselle pola vía administrativa por carecer de seguro do vehículo, unha infracción moi grave que supón unha sanción de 1.500 euros; e por non ter a ITV en vigor, infracción grave que supón unha sanción de 200.