O lecer nocturno, remiso a converterse en cafeterías, esixe a reapertura ou un rescate
Por Manu Otero
Medio ano despois de que a pandemia paralizase toda a economía do país, un sector da hostalería segue sen poder traballar. O lecer nocturno, sinalado como culpable da segunda onda da covid-19 polos gobernantes que volveron clausuralos despois de autorizar a súa apertura, debilítase á espera dunha vacina que traia a vella normalidade ou a acción das administracións para ofrecer axudas a estas empresas que eviten o peche ao que están abocados.
Son algúns os lugares nos que comezan a buscar alternativas á desaparición. Lugo acaba de autorizar aos seus pubs e discotecas a abrir como cafeterías e desde a Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) veno como "unha idea que barallamos desde o peche". Con todo, ao Concello de Pontevedra non lle consta ningunha solicitude formal nin informal a este respecto e sosteñen que levar a cabo unha medida como a de Lugo e que teña seguridade xurídica é "problemático".
Tampouco existe unanimidade no sector. Uns considérana "un parche", outros a valoran e agradecen aínda que dubidan da súa eficacia, mentres que algúns ven nela a oportunidade para reinventarse. "Cando unha empresa ten opcións pode elixir, é moito peor non ter marxe de manobra", argumentan desde o colectivo, disposto a pelexar por esta opción, consciente de que non será unha salvación milagrosa e dubidosos de poder conseguila. "Temos un Concello pouco receptivo, todo o ven problemático aínda que noutros lugares coas mesmas leis si se fan cousas", critican.
A solución que estudan desde a concellería de Seguridade Cidadá e Sostemento de Espazos Urbanos Públicos, que dirixe a nacionalista Eva Vilaverde, pasa por solicitar un cambio de licenza. Unha acción que obrigaría a moitos destes locais de Pontevedra a efectuar unha profunda reforma para poder cumprir cos requisitos esixidos a unha cafetería. Entre outros, deben contar con saída de fumes e estar adaptados a persoas con mobilidade reducida. Ademais, a mutación sería dificilmente reversible, pois a maioría das licenzas de lecer nocturno na cidade fixéronse en base a leis antigas, as actuais son moito máis restritivas e esixentes. Practicamente ningún dos pubs de Pontevedra poderían conseguir hoxe unha licenza municipal para este tipo de actividade.
Doutra banda, o sector da hostalería que permanece pechado ten prevista unha reunión esta semana coa socialista Yoya Blanco, titular do departamento de Promoción Económica. "Chamounos para analizar a situación, trasladarémoslle as nosas preocupacións e sabemos que se está na súa man, será un si", agradecen desde Hoempo a implicación da edila.
Mentres tanto, o sector continúa á espera. Acumulando facturas, mentres esfollan a margarida do peche ou unha difícil reconversión. O que o ten máis claro é o dono da discoteca Karma, que xa decidiu durante o estado de alarma abandonar a noite para organizar eventos musicais en horario diúrno. Aproveitou o peche para reformar o local e tan pronto como dean luz verde á apertura do sector volverá abrir as súas portas. "Seguiremos loitando para que a cultura musical volva a Pontevedra, seguiremos sendo discoteca, con música en directo e máis baixa", avanza os propietario Marcos Rivas, que aposta polo "dinamismo" dos empresarios para manter vivo o sector.
"Eu voume a mollar ofrecendo cousas para que os clientes veñan. Non imos volver ao de antes, ou pechas ou adáptaste. O lecer nocturno non vai abrir nin imos recibir axudas por moito que pidamos ou esperemos", ten asumido o emprendedor que está detrás de eventos musicais en toda a cidade como O Surfing the Lérez ou Cabos Soltos. "Todos se fan de día", argumenta para convencer á sociedade de que é posible este cambio de hábitos no lecer.
No bando contrario está Julio Barral, propietario de pubs como o Fetiche, o Patrimonio ou o Aranda. "É un parche. Para os negocios de lecer nocturno puro e duro non valen. É inviable, cos gastos que temos de alugueres, converternos en cafeterías. Non estamos preparados nin sería rendible", sostén o empresario, que paga mensualmente máis de 2.000 euros por cada un dos seus locais. "Ninguén se vai a meter no Fetiche para tomar un café ás 12 da mañá", exemplifica antes de engadir que outros locais nin sequera teñen terraza, nin están acondicionados nin situados en zonas para cafeterías.
"Non dariamos nin para gastos, como ocorreu en xullo", remarca o dono destes tres locais, que ve aos seus clientes "con medo" por esta segunda onda. "O mellor é que nos axuden e que se abra en condicións normais cando haxa unha vacina e a situación estea mellor", remata.
"Pode haber algún local que lle compense abrir como cafetería. Pero sexamos conscientes de que pode ser unha ruína porque imos meter a 20 ou 25 pubs de Pontevedra nun horario onde realmente non vai haber público para todos. Poida que deixemos sen comer a algún dos que está a abrir ao repartir á pouca xente que hai", alerta César Sánchez, propietario do Cielo, convencido tamén de que esta "non é a solución".
O dono deste local que, como outros locais de Pontevedra decidiron pechar por responsabilidade antes da declaración do estado de alarma do Goberno, considera que "somos o sector máis prexudicado da sociedade. Estamos pechados por lei. A este sector habería que rescatalo porque hai dous meses que un ministro saíu a prohibir, por lei, o lecer nocturno sen sacar ningunha medida de axuda", denuncia o propietario.
Diante da falta de axudas, algo que as asociacións de empresarios están a negociar coa Xunta aínda que se descoñecen os detalles, os autónomos deste sector seguen vendo como "non podemos traballar e seguimos pagando todo. Ademais, prolongan os ertes e os empregados seguen cobrando un 70 % e ao autónomo báixannos a prestación a un 50 %. É unha vergoña, detrás destes locais hai persoas. Os malos tratos é total e absoluto", estala. "Deberíannos exonerar de todos os impostos porque non podemos nin abrir. Non me poderían cobrar nada porque non teño como xeralo", conclúe cunha demanda compartida por todo o sector.
Relacionadas:
-
Un ano sen lecer nocturno en Pontevedra: os primeiros en pechar, os últimos en abrir
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Os hostaleiros impulsan un servizo de mediación para reducir os alugueres dos locais
Por Redacción |
-
O lecer nocturno da Hostalería de Pontevedra pide á Xunta un plan de rescate
Por Redacción |
-
Reunión entre os Hostaleiros de Pontevedra e o Concello co compromiso de facer presión ante a Xunta
Por Redacción |
-
Asociación de Hostaleiros: "estase a criminalizar o lecer nocturno polas actitudes irresponsables de determinadas persoas"
Por Redacción |