Meis pide a colaboración das Forzas de Seguridade para vixiar a hostalería ante a pandemia
Por Redacción
A alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, solicitou á subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para vixiar a hostalería do municipio ante a nova situación derivada da pandemia da covid-19.
Giraldez trasladou esta petición a Larriba durante a primeira reunión da Comisión Local de Seguridade de Meis, que se celebrou este martes coa presenza do tenente coronel xefe Manuel Touceda, como responsable nestes momentos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, e outros representantes municipais.
Esta Comisión Local de Seguridade constituíuse, segundo explicou a subdelegada, a petición do Concello. Converteuse no primeiro concello da provincia que optou por crear este órgano, que permitirá reforzar a seguridade e convivencia no municipio e, no futuro máis inmediato, facer fronte dun xeito máis eficaz ás limitacións derivadas da covid-19.
A Comisión Local de Seguridade é un instrumento de cooperación entre administracións que se establece naqueles municipios onde non existe Policía Local e que, polo tanto, non poden constituír unha Xunta Local de Seguridade.
Este órgano colexiado é un instrumento de colaboración, cooperación e actuación entre a Administración Central, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o propio Concello en materia de seguridade cidadá. Ten como obxectivo coordinar as accións do Concello e da Garda Civil na localidade para facer cumprir as medidas de seguridade decretadas pola crise sanitaria.
Marta Giráldez indicou que, aínda que Meis é unha localidade tranquila, solicita a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para controlar o cumprimento das medidas sanitarias no ámbito da hostalería. Deu a coñecer, ademais, que o Concello decidiu pechar todos os parques infantís e suspender as actividades lúdicas de carácter municipal, toda vez que se atopa nestes momentos entre as localidades con restricións especiais pola alta incidencia da covid-19.
Maica Larriba ofreceu a máxima colaboración e cooperación entre ambas administracións para poder facer fronte de maneira eficaz e coordinada ás necesidades de seguridade xurdidas a raíz das medidas impostas pola crise sanitaria.