Un edificio en Marín baixo vixilancia policial para cumprir o confinamento
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Marín vixía un edificio da rúa Alcalde José do Río para garantir o confinamento de algúns residentes tras detectarse un gromo de coronavirus o pasado sábado con seis casos positivos en dúas vivendas diferentes.
A investigación iniciouse despois de que un dos inquilinos tivese que ser ingresado o sábado.
Os servizos sanitarios achegáronse até a vila, dada a imposibilidade destas persoas de desprazarse, para realizar PCR aos convivintes da persoa ingresada, de orixe ghanesa.
Identificouse que algunhas das persoas convivintes non estaban gardando correctamente a corentena obrigatoria por ser contacto estreito até coñecer o resultado da proba. Isto obrigou a instalar vixiancia policial durante 24 horas para garantir o cumprimento do protocolo sanitario.
Como medida preventiva, os servizos sanitarios decidiron realizar un cribado con PCR a todas as persoas que viven neste edificio, por precaución.
Segundo Sanidade informou, todas estas PCR, a excepción dos 6 casos antes mencionados, arroxaron un resultado negativo. Deste xeito, os inquilinos de todos os demáis pisos aos que xa se lles realizou a proba, a excepción dos que conviven nas dúas afectados, poden saír sen problema das súas vivendas.
O dono do edificio xa anunciou que se realizará unha desinfección a fondo de todas as zonas comúns do edificio.