Piden a destitución da xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés por "incompetencia manifesta"
Por Anxo Lourido
Os sindicatos CESM Galicia, Co-Bas e Prosagap retomaban este mércores as concentracións ás portas do Hospital Montecelo e do Hospital Provincial a raíz do brote de contaxios detectado entre o persoal de Urxencias no Hospital Montecelo, con nove persoas afectadas. Segundo Enrique Marra de CESM Galicia se trata de 6 médicos que se atopan na casa ao dar positivo; un residente e dúas enfermeiras. A eles súmanse outros dous facultativos que, malia ofrecer resultado negativo, mantiveron contacto estreito cos contaxiados.
Os manifestantes sinalan que o doutor Javier García Vega, xefe do servizo de Urxencias, pediu axuda á dirección da área sanitaria e nin sequera foi recibido desde que "as cousas se lles foron das mans", afirma Marra. Por este motivo, reclaman ao SERGAS a destitución da xerencia e do actual equipo directivo dos hospitais de Pontevedra por "incompetencia manifesta, por falta de acción e por omisión".
Enrique Marra explica que a xerencia non está a contratar persoal para substituír ás baixas e que, aínda que o primeiro contacto se producía no ámbito familiar dun dos médicos de Urxencias, agora xa existe un foco intrahospitalario en Montecelo. Ante esta situación, nas últimas horas instaláronse biombos, realizouse unha limpeza xeral e practícanse probas PCR de maneira graduada nesta área. Medidas que chegan tarde, segundo os sindicatos.
Neste sentido demandan tamén que se establezan medidas de seguridade na área de Urxencias do Hospital Provincial onde acoden menores. "Cando entramos a traballar limpamos nós o teclado, o mesado... porque, á marxe da limpeza, habitual non hai un esforzo específico por este tema".
Cualifican de "indignante" a actuación da xerencia que lidera José Ramón Gómez durante esta crise sanitaria e afirman que "nos están maltratando". Aseguran que, ao estar demostrado que o contaxio se produce por vía aérea, é necesario que doten de máscaras FPP2 ao persoal e para aqueles profesionais que están en contacto con pacientes que poden ser posibles positivos en zonas de risco que, polo menos, conten con dúas unidades por quenda de traballo. Tamén piden EPIs suficientes para toda a xornada laboral.
Insisten en que se precisa máis persoal con contratos dignos en servizos como Atención Primaria, Urxencias, UCIs e plantas de hospitalización, ademais de máis medios para facer fronte a esta situación actual. Esixen o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais para garantir a seguridade de todos os traballadores dos centros sanitarios con sistemas de ventilación mecánica e nos casos de ventilación natural que se ofrezan garantias de renovación efectiva do aire.
Demandan que se eviten as derivacións de pacientes a hospitais privados e, por este motivo, propoñen publicar de maneira quincenal na intranet do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) o número real de persoas en listas de espera cirúrxicas, probas complementarias, primeiras consultas ou revisións para establecer un plan con cada servizo para resolver o problema de atrasos na atención.
DIVISIÓN NA XUNTA DE PERSOAL
Enrique Marra recoñeceu que a Xunta de Persoal, que representa aos traballadores do CHUP, se atopa rota, co presidente e a secretaria en situación de espera despois de dimitir.
O representante sindical lamenta os intereses egoístas que están a provocar que o resto de sindicatos non somen esforzos nestas concentracións en defensa dunha sanidade pública de garantías. Afirma que algúns dos representantes sindicais que forman parte da Xunta de Persoal obedecen ao que lles marca a mesa sectorial de Santiago mentres que outros evitan acudir a estas protestas porque prefiren atender aos seus intereses persoais.
Sinala que cando se tentou alcanzar a unión sindical, a reunión terminou como o "luceiro da aurora" e por este motivo só tres sindicatos continúan, como veñen realizando ao longo do ano, coas protestas reivindicativas.
O resto de integrantes da Xunta de Persoal, CIG, CSIF, CC. OO., UXT, TSP e SATSE, convocaron á prensa este xoves para realizar unha análise da situación actual derivada do covid-19 no Complexo Hospitalario.
Relacionadas:
-
Convocan para este sábado unha concentración na Peregrina en defensa da sanidade pública
Por Manu Otero |
-
Inspección de Traballo investigará a situación das Urxencias de Montecelo tras a repunta de covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Xeles caducados, máscaras sen protección e "barbaridades" na xestión do persoal levan a pedir o cesamento do xerente de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Demandan máscaras de protección FFP2 ou FFP3 para os profesionais sanitarios de Pontevedra-O Salnés
Por Redacción |
-
Bará pide explicacións á Xunta sobre o atraso na desinfección de Urxencias de Montecelo ao detectar os positivos en covid-19
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Sindicatos alertan da "difícil" situación de Urxencias de Montecelo: menos persoal e sen cubrir baixas
Por Redacción |
-
Ponte humana reivindicativa para alertar sobre as necesidades da área sanitaria de Pontevedra
Por Redacción |
-
Centos de persoas demandan a destitución da xerencia dos hospitais de Pontevedra se non abre vías de diálogo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |