Bueu estuda mellorar a rúa Pazos Fontenla en colaboración con Augas de Galicia
Por Redacción
O goberno municipal de Bueu xa valora a posibilidade de mellorar de xeito integral a rúa Pazos Fontenla, actuación que incluiría a renovación das redes de auga nun tramo urbano titularidade da Xunta de Galicia. De aí que pedira a colaboración de Augas de Galicia.
Un técnico do ente autonómico visitou este mércores a zona, acompañado do alcalde, Félix Juncal, o arquitecto municipal, o arquitecto técnico e o responsable da empresa concesionaria do servizo de augas, FCC Aqualia.
Con esta actuación, o Concello pretende corrixir os problemas actuais coa renovación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais , cunha lonxitude de máis dun quilómetro.
"Esta actuación é prioritaria e reclamamos que a Consellería de Infraestruturas valore unha mellora integral, que incluiría tamén a renovación do pavimento polas dúas beirarrúas que se atopa en moi mal estado, coas conseguintes molestias para a cidadanía", explicou o alcalde.
Desde a Alcaldía xa se remitira un proxecto valorado en preto de 90.000 euros para a renovación destas redes de augas, e esta visita técnica serviu para analizar polo miúdo o estado actual de cara á adopción de posibles solucións por parte de Augas de Galicia.
A rede de saneamento actual é unitaria e atópase obsoleta e ao límite da súa vida útil, co risco de rupturas e filtracións. Ademais, o carácter único desta rede dá lugar á sobrecarga hidráulica da mesma nos períodos de precipitacións, sobre todo na zona próxima ao río Bispo.