Vilagarcía adianta ao 27 de novembro o prendido do alumeado de Nadal
Por Oskar Viéitez
O Nadal chegará este ano uns días antes a Vilagarcía xa que o Concello ten previsto adiantar ao 27 de novembro o prendido da iluminación festiva das rúas e prazas do municipio.
Así o recollen os pregos do contrato para o aluguer do alumeado das festas de Nadal, Santa Rita e San Roque que o Concello acaba de sacar a licitación por importe de 95.000 euros (impostos incluídos) e que inclúe tamén as labores de montaxe e desmontaxe, instalación dos cadros e conexión eléctricas para orquestras, casetas, barracas e atraccións de feira. As empresas interesadas en realizar este servizo dispoñen de prazo ata o 22 de outubro para presentar as súas ofertas.
A iluminación de rúas, especialmente durante as festas de Nadal, é un elemento que contribúe a dinamizar a actividade social e tamén comercial e hostaleira durante estas datas nas que anoitece moi cedo.
A maiores, coa iluminación preténdese manter un clima de relativa normalidade nun Nadal que se prevé atípico dadas as circunstancias, así como aportar unha pequena dose de alegría que contribúa a elevar o ánimo das persoas nestes complicados tempos de incerteza pola crise sanitaria e económica.
De non producirse ningún imprevisto, as luces de Nadal inaugurarase o venres 27 de novembro e manterase ata o 7 de xaneiro. Serán 42 días nas que as rúas permanecerán decoradas entre as seis da tarde e a unha da madrugada.
A ambientación de Nadal en rúas e espazos públicos realizarase con arcos lumínicos, rótulos, adornos en farois e árbores de parques e xardíns, decoración de rotondas e de fachadas de edificios emblemáticos como a Casa Consistorial. Por suposto, instalaranse os tradicionais conos tridimensionais no centro de Vilagarcía, en Vilaxoán e en Carril. O da Praza de Galicia será o máis alto nunca instalado neste punto, chegando este ano aos 20 metros de alto por 7 de diámetro.
En Carril e Vilaxoán tamén se decorarán as árbores e se ampliará o número de rúas a decorar con arcos. Como o ano pasado, tamén haberá fotocalls con motivos navideños para que as persoas que o desexen poidan sacarse fotos coas que felicitar as festas dende Vilagarcía e se repetirá a proxección de frases desexando bo Nadal en lugares destacados mediante a utilización de gobos.
O Concello tamén decidiu manter este ano o Mercado de Nadal, axustándoo aos protocolos de seguridade e tamén se complementará a ambientación festiva con diversas iniciativas como a dos xardíns efímeros estreados o ano pasado con moi boa acollida por parte de veciños e visitantes.
Relacionadas:
-
A iluminación navideña xa enche Vilagarcía
Por Redacción |
-
Unha árbore de vinte metros na Praza de Galicia, récord para as luces de Nadal en Vilagarcía
Por Redacción |
-
As rúas de Pontevedra comezan a engalanarse para o Nadal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra anuncia máis diñeiro para as luces de Nadal
Por Oskar Viéitez |