Bará pide explicacións á Xunta sobre o atraso na desinfección de Urxencias de Montecelo ao detectar os positivos en covid-19
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A situación que se rexistrou na área de Urxencias do Hospital Montecelo con nove casos positivos entre persoal sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) chegou ao Parlamento de Galicia a través do deputado do BNG por Pontevedra Luís Bará.
O parlamentario nacionalista formulaba varias preguntas ao goberno da Xunta reclamando explicacións sobre os protocolos aplicados polo SERGAS en relación co gromo de covid-19 que se producía no servizo de Urxencias. Bará recolle as queixas do persoal sanitario que denuncia a ausencia de limpeza e desinfección das dependencias no momento en que se detectou o primeiro caso positivo e as manifestacións nas que afirman que as medidas desinfectantes realizáronse con moito atraso.
O BNG pregunta polos protocolos establecidos e apunta a que o persoal do servizo fixo pública a súa queixa pola forma en que a Xerencia do CHUP difundiu a información sobre a orixe destes casos relacionándoos ao ámbito familiar.
Ademais, trasladou ao Parlamento as denuncias das forzas sindicais sobre a falta de contratación de persoal para cubrir as baixas no servizo de Urxencias.
O PSOE TAMÉN PROTESTA POLAS TRABALLADORAS DE MONTECELO CONTAXIADAS QUE FORON OBRIGADAS A TRABALLAR
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou iniciativas parlamentarias pola xestión "caótica e nefasta" da repunta de coronavirus no Hospital de Pontevedra. O parlamentario socialista acusou á Consellería de Sanidade de permitir que dúas profesionais de medicina continuaran traballando á espera dos resultados da PCR, que deu positiva.
Deste xeito, Torrado responsabiliza a Sanidade de expoñer á poboación de Pontevedra a un "risco gravísimo e absolutamente innecesario" ao obrigar ás profesionais a continuar traballando aínda coa sospeita de estar contaxiadas e enfermas, e polo tanto expoñendo a posibles contaxios á poboación que acudía ao CHUP.
RAFA DOMÍNGUEZ REÚNESE CO NOVO CONSELLEIRO DE SANIDADE
O novo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña afirmaba nas últimas horas que os nove profesionais afectados por covid-19 no servizo de Urxencias de Montecelo evolucionan favorablemente nos seus domicilios. Así llo trasladaba ao líder da oposición local en Pontevedra, Rafa Domínguez, no encontro que mantiñan en Santiago.
García Comesaña indica que sempre atenderon aos pacientes coas medidas de protección idóneas para previr a transmisión dentro das instalacións de Montecelo.
O novo conselleiro tamén aproveitou para garantir ao presidente do Partido Popular local que o Gran Montecelo o compromiso da Xunta de Galicia con esta obra fundamental para a sanidade pública na área de Pontevedra.
Rafa Domínguez lembra que esta obra supoñerá un investimento total de 140 millóns de euros, cunha ampliación dos 79.500 metros cadrados actuais a 118.000.
Relacionadas:
-
Piden a destitución da xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés por "incompetencia manifesta"
Por Anxo Lourido |
-
Elevan a nove os positivos por covid-19 entre o persoal de Urxencias de Montecelo
Por Alejandro Espiño |
-
Persoal de Urxencias denuncia que non se desinfectou tras os positivos por covid-19
Por Redacción |
-
Infectados por covid catro sanitarios de Urxencias do hospital de Montecelo
Por Oskar Viéitez |