Cor ocre para a Senda de Parada, que comeza o seu formigonado
Por Redacción
Continúan avanzando os traballos de execución da Senda de Parada, que percorre o tramo entre os lugares de Cuñas e Parada, no municipio de Ponte Caldelas. Iniciáronse estes días o traballo de formigonado do camiño que levará unha cor ocre para adaptarse á contorna, segundo explican desde o goberno local.
Esta senda dará continuidade á vía peonil que discorre por Cuñas e unirase á altura da rotonda a través dun paso de peóns. Esta senda ten como principal función garantir a seguridade viaria para os camiñantes que a diario percorren esta zona.
A obra ocupa un tramo de dous quilómetros, desde a rotonda de Cuñas ata o Cruceiro de Parada, na EP-0206. Crearase un espazo para peóns, bicicletas e persoas con mobilidade reducida na marxe dereita do camiño.
A actuación contará tamén cunha mellora na parte central do lugar de Parada coa creación dunha plataforma única sobreelevada que permitirá que coincidan tanto vehículos como peóns con seguridade.
Ademais, o alcalde Andrés Díaz sinala que se mellorará a iluminación no tramo interurbano. Instalaranse máis puntos de luz, con farois cada 50 metros. Tamén se colocou unha tubaxe de evacuación das augas pluviais e repoñerase o firme en zonas con danos con pintado da sinalización horizontal.