Rexeitan a creación dunha nova sala de agarda no centro de saúde de Carballedo
Por Redacción
O Partido Popular, grazas á súa maioría no Parlamento galego, rexeitou a proposta presentada polo PSdeG-PSOE na que lle reclamaba a Sanidade crear unha sala de agarda "en condicións" para os pacientes que acoden ao centro de saúde de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade.
A deputada Paloma Castro denunciou o trato "denigrante" que reciben os usuarios, obrigados a esperar no exterior do edificio ata seren atendidos. Esta situación, sinalou, "atenta contra os dereitos dos pacientes", dos que recordou moitos son "persoas maiores con padecementos".
Algúns deles, engadiu, "ata levan cadeiras da casa para poder aguantar a espera".
A falta de espazo neste centro, segundo a socialista, "é un problema que vén de atrás" pero coa medidas de distanciamento social pola crise da covid-19 "amósanse moito máis as deficiencias" ata chegar a unhas condicións "insostibles".
Esta situación deriva, segundo Castro, da decisión de instalar o centro de saúde no edificio multiusos do Concello, feito ao que sumou "problemas derivados" como a ausencia de aparcadoiro, que non haxa praza de ambulancia ou a desaparición do servizo de pediatría.
Pola súa banda, a deputada do BNG Montse Prado denunciou que a situación actual da atención primaria no rural galego "non é casualidade", froito dos recortes realizados nos últimos anos. "Se non hai unha vontade política para que a atención estea dotada e sexa resolutiva hai consecuencias", afirmou.
A pesar destas críticas, Encarna Amigo, portavoz do PP en materia de sanidade, defendeu a actuación de Sanidade e argumentou as razóns do rexeitamento do seu partido a esta iniciativa.
A deputada popular destacou que o novo centro de saúde de Carballedo "resolveu o que pasaba na época do bipartito". No antigo ambulatorio, "chovía dentro", polo que se tomou a solución "acertada" de trasladar as instalacións ao edificio cedido polo Concello.
Esa decisión, segundo Amigo, "foi consensuada cos veciños" e as instalacións acondicionáronse "da mellor maneira posible". Iso si, aclarou que "a día de hoxe" o centro ten que adaptarse ás novas condicións provocadas pola pandemia da covid-19.
Os problemas denunciados polos socialistas, reiterou a deputada do PP, "xa non existen", tras as xestións realizadas polos responsables da área sanitaria de Pontevedra.
"É un centro de saúde totalmente adaptado e a sala de espera actual é axeitada e cumpre con todos os requisitos de seguridade para a súa actividade", concluíu.