Clubs, ANPA e Concello acordan a remodelación integral da pista deportiva exterior de Tenorio
Por Redacción
40.000 euros destinaranse á remodelación integral da pista deportiva exterior de Tenorio, unha infraestrutura lindeira co pavillón municipal e situada no centro da zona educativa. Tanto as escolas deportivas e clubs que utilizan esta pista como a Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio de Tenorio acordaron co Concello de Cerdedo-Cotobade a reforma deste espazo.
O diñeiro procedente do Plan Concellos 2021 da Deputación destinarase á renovación do actual firme, cambio de elementos de xogo e outras obras secundarias, segundo informan desde o goberno local que lidera o alcalde Jorge Cubela.
Actualmente, a cancha atópase en malas condicións e mostra fendas, fochancas e desprendementos. Tamén as porterías e o valo se atopan deterioradas debido ao desgaste que esta instalación sofre da auga procedente da cuberta do pavillón polideportivo.
Está previsto que se instale unha pista de mil metros cadrados con formigón semipulido. Tras analizar os diferentes usuarios a posibilidade de instalar céspede artificial, decidiuse rexeitar a proposta para que se continúe utilizando como pista de patinaxe.
Tamén se instalarán porterías, canastras, rede de tenis e arranxarase o peche perimetral. Ademais, a instalación contará cunha recollida de augas procedentes do teito do pavillón e anularase un dos accesos a pedimento do ANPA para gañar seguridade á hora de controlar as actividades dos máis pequenos.
Jorge Cubela anunciou que tamén está previsto que se cre unha senda peonil de 200 metros que conectará todos os servizos e centros educativos e deportivos situados neste punto de ampla actividade social en Tenorio.