Con motivo da recente data do Día Mundial da Saúde Mental, o pasado 10 de outubro, o programa Mentres isto dure pregunta polas secuelas emocionais que estas circunstancias de pandemia provocada pola COVID-19 están a deixar.
Secuelas que se reflicten no III Estudo de Saúde e Vida que estes días presentou Aegón e do que falamos con Belén González Losada, pontevedresa e directora de saúde da aseguradora. A saúde emocional, segundo unha das conclusións que extraen, resulta estar descoidada xa que seis de cada dez persoas consultadas non a coidan.
O estrés, a ansiedade, os trastornos do soño, a irritabilidade e irascibilidade acentuáronse nunha porcentaxe considerable desde que se declarou a pandemia. Consecuencias que derivan noutras doenzas que si se evidencian de forma física. "Por todo iso é importante que aprendamos a xestionar as nosas emocións" sinala Belén González.
Este contexto tivo outra consecuencia que reflicte igualmente o estudo; o cambio das prioridades vitais e que pon a saúde e a familia nos primeiros postos. No podcast de PontevedraViva Radio refírense igualmente datos sobre a percepción que teñen nestes momentos os galegos da súa saúde e algúns consellos básicos para coidar da saúde emocional.