Pontevedra cae por debaixo dos 600 casos activos por covid-19 despois de 24 días
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Máis de tres semanas levaba a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés por encima dos 600 casos activos por covid-19. A tendencia á baixa, iniciada hai días, foise agudizando e, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, agora mesmo hai 573 casos activos.
Son corenta menos que onte, tal e como recollen as estatísticas oficiais. Nas últimas horas, en todo caso, curáronse 59 pacientes, polo que se contabilizaron 19 novos contagios na área sanitaria pontevedresa.
Do total de casos activos, son 18 os pacientes que se atopan ingresados, sete deles na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e once en planta. Deste últimos nove permanecen en Montecelo e dous no Hospital do Salnés. Non hai pacientes covid no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
O resto, 555 infectados por covid-19, atópanse illados nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 1.747 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19 e rexistráronse 24 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 49.203. Desde onte, detectáronse vinte novos positivos por PCR. A estas probas súmanse as 33.820 serologías realizadas ata a data.
En relación con centros escolares, a Consellería de Sanidade ofrece o dato de 41 positivos nos centros desta área sanitaria onde destaca o caso do CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña onde continúan 5 casos activos e foi necesario pechar unha aula. Tamén no CPI de Mosteiro-Meis se detectaron 4 casos positivos na comunidade escolar, pero neste caso non foi necesario o peche de aulas.
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.264. Deles 757 son da área da Coruña, 494 da de Lugo, 1.351 da de Ourense, 573 da de Pontevedra, 433 da área de Vigo, 552 da de Santiago e 104 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 38 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 4.039 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 21.106 persoas curadas, rexistrándose 776 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 537.192 probas PCR e 351.645 probas serológicas que, nas últimas 24 horas, permitiron detectar a 413 infectados.
Relacionadas:
-
17 pacientes mantéñense hospitalizados por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Por Redacción |
-
Sanidade aprecia unha "incidencia menor" da covid-19 en Pontevedra pero manterá as restricións
Por Alejandro Espiño |
-
Estatísticas oficiais elevan a 48 os mortos en Pontevedra tras ingresar por covid-19, pero só 23 faleceron coa enfermidade
Por Natalia Puga |