Ponte Caldelas traslada á Xunta o seu interese por abrir a Casa de Quintán
Por Redacción
O futuro da Casa de Quintán foi o principal asunto tratado na reunión mantida este venres entre o alcalde Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e a nova delegada territorial da Xunta, Luísa Piñeiro, quen continúa coa súa rolda de visitas institucionais a todos os concellos da súa área.
Sobre os posibles usos deste inmoble, Piñeiro informou a Díaz do interese da Consellería de Política Social de buscar un consenso para o uso deste inmoble unha vez que se estabilice a situación da covid-19.
O encontro serviu tamén para analizar varias solicitudes do Concello relativas ao polígono empresarial, principalmente sobre a reestruturación das parcelas da central de transporte para poder darlle saída ás mesmas. A mellora da zona arqueolóxica de Tourón, a execución de novos saneamentos ou a cesión da primeira planta do edificio anexo á Casa do Concello que é propiedade de Medio Rural foron outras das peticións realizadas polo rexedor, quen agradeceu a visita e felicitou á nova delegada polo seu nomeamento.