Benestar Animal desratizará a parcela municipal anexa ao refuxio de Os Palleiros
Por Redacción
Apenas unha semana despois de estrear o seu cargo como concelleiro de Benestar Animal cunha visita ao refuxio de Os Palleiros en Campañó, Marcos Rey procedeu a dar resposta a unha dos problemas que a presidenta do colectivo, Gloria Cubas, e a súa vicepresidenta, Beti Suárez, lle transmitiron: as incursións na canceira de ratas provintes dunha parcela anexa.
Despois de que o edil socialista fixese as correspondentes xestións con responsables de Ferrovial, a concesionaria do servizo de limpeza contactou coa firma Tragal, especializada en desratización, desinfección e control de pragas, para que executase as tarefas de eliminación dos roedores nesta finca, de propiedade municipal.
Ao longo deste venres, unha brigada de Tragal desprazouse ata o refuxio para colocar diversas trampas de raticida a base de cebo fresco en gran, cubrindo as mesmas de repelente coa finalidade de evitar casos de contaminación cruzada, é dicir, que outros animais inxiran este veleno de acción lenta.
En paralelo a esta intervención, Marcos Rey tamén se puxo en contacto co concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para que dea orde ao Servizo Municipal de Parques e Xardíns de efectuar unha limpeza en profundidade da parcela, que nestes momentos se atopa chea de maleza e malas herbas. "O xefe deste servizo -explica Rey- indicou que estes traballos de desbroce darán comezo nos vindeiros días".
O edil de Benestar Animal agarda que esta resposta "poña fin aos quebradeiros de cabeza que a presenza de ratas lles están a provocar ás responsables de Os Palleiros, entrando na propiedade da canceira a comer o penso, obrigando a botar ese penso inservible e incrementando aínda máis o investimento en comida (que, sen ter en conta os alimentos especiais que precisan algúns cans, se sitúa arredor dos 1.000 euros mensuais)".
Así llo transmitiu á directiva do colectivo nunha reunión que tivo lugar no Concello este pasado mércores e na que tamén se falou da principal demanda pendente: a reforma da cuberta do refuxio para acabar coas filtracións de auga nas instalacións. Marcos Rey agarda que a tramitación desta obra, valorada nuns 18.000 euros, "se axilice ao máximo", de xeito que o proxecto poida remitirse ao Servizo de Intervención "nas próximas semanas" e os traballos comecen "antes de que finalice o ano".
Asemade, neste encontro, o concelleiro socialista comprometeuse coa directiva de Os Palleiros "a analizar se existen posibilidades económicas para incrementar a achega anual de 35.000 euros que Benestar Animal destina ao convenio para o funcionamento da protectora (8.750 euros por trimestre)".
Relacionadas:
-
Os Palleiros e Ohana organizan un mercadillo solidario nos Soportais da Ferrería
Por Redacción |
-
RADIO.- Por que razón pelexan os teus cans? Podcans responde e propón solucións
Por Redacción |
-
Os Palleiros pide axuda ao Concello para acabar coas filtracións de auga nas súas instalacións
Por Diego Espiño |
-
RADIO.- Podcans axuda a resolver dúbidas na decisión de esterilizar ou non aos cans
Por Redacción |