O Concello de Caldas proxecta a homologación da Ruta da Auga
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis vén de encargar o orzamento para o desenvolvemento das actuacións que permitan a homologación do sendeiro 'PR-G 59 Ruta da Auga'. No proxecto inicial incluirán a adquisición e colocación do material de sinalización necesario, a adecuación á normativa e a recuperación do sendeiro.
Trátase dun roteiro xa existente de carácter circular, cunha distancia duns 5'1 quilómetros que parte e finaliza na zona da Carballeira e do Xardín Botánico. Coa súa homologación, o percorrido permanecerá como un novo activo turístico do municipio adaptado totalmente á normativa de sendeiros da Federación Galega de Montañismo.
Inicialmente, as actuacións previstas polo Concello, logo de analizar as necesidades básicas, contemplan a dotación de 3 paneis informativos, 10 postes de sinalización de continuidade, 6 postes de dirección equivocada, 5 unidades de cambio de dirección, 5 frechas simples, 3 frechas triples, así como a pintura de sinalización horizontal ao longo de todo o treito en soportes xa existentes.
Doutra banda, inclúen actuacións de seguridade diversas en puntos de especial interese do percorrido. Na ponte de madeira de Segade de Abaixo as dúas ramplas de acceso á ponte de madeira presentan unha superficie esbaradía que corrixirán coa instalación de tea metálica. No camiño entre a fábrica da luz e a ponte romana, onde hai unha lixeira pendente que se supera por medio dunhas escaleiras cuns banzos, é necesario repoñelo a fin de conter o terreo da acción do uso e das escorrentías das augas pluviais.
Finalmente, elaborarán o denominado documento EDS de asesoramento técnico, que recollerá detalladamanete as actuacións para lograr a homologación por parte da Federación Galega de Montañismo. Tamén fixouse a elaboración dun tríptico informativo en formato físico e descargable para a difusión do roteiro, así como a subida do truck á páxina web Wikiloc e á páxina web municipal.
Como sinalou o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, "a Ruta da Auga é un percorrido de enorme valor tanto ambiental como paisaxístico e patrimonial, cuxa homologación non só terá efectos de atracción turística e beneficios lúdicos ou de lecer para a cidadanía, senón que fomentará en enorme medida o coñecemento dos nosos bens e favorecerá a súa conservación".
Entre os principais puntos de interese do itinerario atópanse o paseo fluvial do Umia, diversos muíños, a pontella de Segade, a fervenza de Segade, a ponte romana, ou a fábrica da luz.