O Grove implanta o sistema de desinfección dos quirófanos nos seus centros educativos
Por Redacción
O Concello do Grove asume as tarefas de desinfección dos catro centros educativos públicos do municipio tanto nos relativo aos custos como na dotación de recursos humanos para a súa posta en marcha. No último pleno, o goberno local acordou reclamar eses gastos á Xunta ao considerar que o executivo autonómica está a eludir a súa responsabilidade.
O protocolo de actuación pasa porque a empresa de limpeza habitual destes colexios realice unha limpeza e desinfección adicional a metade de xornada, así como a limpeza habitual ao final de cada día lectivo.
Unha vez que esa limpeza conclúe chega a quenda do servizo de emerxencias municipal que realizan unha desinfección dos centros mediante o nebulizador que distribúe peróxio de hidróxeno do mesmo xeito que se realiza para a desinfección dos quirófanos. Aseguran desde o goberno local que O Grove é o primeiro Concello que aplica este sistema.
O proceso comezou nos primeiros días de colexio e manterase durante todo o curso ata que se manteña a alerta sanitaria. A desinfección completa de cada centro require de ao redor de hora e media de traballo e no proceso ponse especial atención nas zonas comúns e naqueles elementos que son máis susceptibles de contacto.
O executivo local incide en que estas medidas resultarán máis eficaces se se acompañan dos coidados persoais necesarios como o uso de máscara ou o mantemento da distancia. Polo momento, o sistema semella estar a funcionar pois O Grove é un dos poucos municipios da comarca do Salnés sen casos positivos nos seus centros educativos.