Unha profesora e tres escolares do Sagrado Corazón permanecen en corentena tras dar positivo
Por Redacción
Catro persoas da comunidade escolar do Colexio Plurilingüe Sacro Corazón de Jesús de Pontevedra deron positivo nas probas para detectar a covid-19. O equipo de dirección do centro recoñeceu estes casos a través dun escrito dirixido aos pais e nais de escolares.
Sinala que o venres 9 de outubro detectábanse estes casos debdio a contactos externos con outros positivos nos seus ámbitos familiares. Desde o centro entenden que non é necesario, polo momento, ningunha medida a maiores da corentena que manteñen estas catro persoas afectadas.
Trátase, por unha banda, dunha profesora que non pertence a ningún grupo estable de convivencia. Tras iniciar a corentena preventiva e poñelo en coñecemento das autoridades sanitarias pertinentes, o centro informou das rutinas e tarefas desempeñadas pola devandita profesora o último día de traballo no Colexio. As autoridades sanitarias trasladaron á dirección do colexio que a docente non mantivera condutas de risco nin contactos estreitos, polo que a decisión de adoptar corentena circunscríbese só a ela.
O outro caso afecta a tres alumnos membros dun mesmo núcleo familiar. Tamén se atopan, segundo o equipo directivo, en estado de corentena desde a semana pasada. Dada a distancia do día de inicio da corentena preventiva, as autoridades sanitarias non estiman a necesidade de ningunha medida extraordinaria por parte do Colexio.
O centro indica no último parágrafo do comunicado que "todo apuntaba a que, o primeiro positivo chegaría, era cuestión de probabilidade". Agradece a todos os membros da comunidade escolar o esforzo e sinala que coa corresponsabilidade existente "continuaremos coidándonos".