A Universidade de Vigo inicia as probas PCR aleatorias ao seu alumnado
Por Oskar Viéitez
A Universidade de Vigo ven de anunciar que nos próximos días iniciarase a realización dun total de 200 PCR aleatorias por semana, neste caso centradas principalmente no alumnado.
O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés, indicou que "se ben en principio son test aleatorios poderían concentrarse nun único centro se as circunstancias así o recomendan porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar".
As PCR ao alumnado chegan despois do procesamento das máis de 2.300 probas realizadas aos traballadores da institución académica que non detectaron a aparición de positivos por covid-19, segundo comunicou a microbióloga do Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro Sonia Rey.
Este cribado faise empregando o innovador test masivo PCR sobre saliva baseado no sistema pooling. No procesamento das mostras detectáronse nove incidencias, por falta de líquido ou outro de tipo de erros cometidos na recollida.
En total foron 2.303 os traballadores que o pasado martes se achegaron ás conserxarías dos seus centros para entregar as probas, o que supón case un 80% das persoas convocadas.
A participación rexistrada foi moi similar nos tres campus e así, mentres en de Vigo estaban chamadas a realizar as probas 1.929 persoas e, finalmente, entregaron os kits 1.538, un 79,7% do total; en Ourense entregaron os tubos 441 persoas dun total de 578 (76,3%) e, no de Pontevedra 324 de 403, acadando neste caso o 80,4% de participación.
Relacionadas:
-
Ciencias da Educación e do Deporte e un curso de Publicidade pasan á docencia virtual tras a detección de positivos
Por Redacción |
-
Fisioterapia e Belas Artes, as primeiras facultades do campus en facer PCR ao alumnado
Por Redacción |
-
Farán 200 probas PCR aleatorias semanais ao alumnado da Universidade de Vigo
Por Oskar Viéitez |