Habilitarán un espazo na rúa para os usuarios da residencia de Campolongo
Por Alejandro Espiño
Os responsables da residencia da terceira idade de Campolongo, xestionada pola Xunta de Galicia, pediron ao goberno municipal que lles reserve espazo público na rúa para que os seus usuarios poidan pasear ao aire libre con seguridade.
O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, avanzou que os técnicos municipais xa estudan a colocación de pivotes na área que está situada xusto enfronte da entrada principal para acoutar unha zona para os anciáns e, ao mesmo tempo, garantir o paso dos peóns.
Esta medida, a diferenza doutras que se adoptaron na cidade, non afectará o tráfico.
A petición da residencia na actual situación da covid-19 e a ausencia que teñen nas instalacións dun lugar ao aire libre polo que poidan pasear os maiores.
De entrada, descartouse o uso do Parque da Seta e da zona verde situada enfronte da Xunta. Ningunha delas cumpría os requisitos, segundo Demetrio Gómez, ao ser terreos en pendente que dificultan o paseo das persoas con mobilidade reducida.
A zona contemplada para o uso dos maiores terá un uso "diferenciado", de forma que os usuarios de diferentes plantas da residencia tampouco coincidan nos seus paseos, para evitar posibles contagios da covid-19.
Para habilitar este espazo de esparexemento, iso si, haberá que eliminar o actual aparcamento situado á entrada da residencia e que, nestes momentos, era empregado case en exclusiva polos traballadores do propio centro.
Relacionadas:
-
RADIO.- "Necesitamos centros integrados onde derivar positivos e evitar o contaxio do resto de maiores"
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra cederá unha parcela en 12 de Novembro á Xunta para construír unha residencia de maiores
Por Manu Otero |
-
Denuncian a presenza de pintadas sobre a imaxe de Castelao na Residencia de Maiores de Campolongo
Por Anxo Lourido & Natalia Puga |