A revisión e ampliación do catálogo de elementos a conservar de Pontevedra, un traballo de 15 meses que xa pode empezar
Por Redacción
A Unión Temporal de Empresas (UTE) Cartafol.Arc será a encargada de actualizar o catálogo de edificacións e elementos a conservar de Pontevedra, un proxecto para o que terá un prazo de execución de 15 meses.
A Xunta de Goberno propuxo na súa reunión deste martes adxudicar o proxecto a esta UTE por 37.407,45 euros, segundo deu a coñecer o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda. Unha vez adxudicado, o traballo xa poderá comezar.
Moreda lembrou que o proxecto implica a revisión e actualización do catálogo actual, de tal maneira que se vai revisar os elementos xa recollidos, vanse xeolocalizar mellor e recolleranse novos edificios ou elementos que non figura no documento actual, que data de 1994 e require xa unha posta ao día.
O obxectivo é identificar os elementos que sexan susceptibles de conservar, mellorar ou recuperar en función da súa singularidade, características e valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos, arqueolóxicos e paisaxísticos.
O novo catálogo executarase en catro fases a partir do proxecto elaborado polo equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Pontevedra e deberá incluír a listaxe de elementos de interese cultural recollidos pola Consellaría de Cultura, introducir os elementos de arquitectura contemporánea e tamén o patrimonio industrial e os muros tradicionais, pois a súa conservación é obrigada en función da Lei do Solo de Galicia de 2016.
O documento resultante deberá incluír tamén os tipos de intervencións autorizables ou permitidas e os niveis de protección de cada elemento adaptadas á normativa vixente en materia de patrimonio cultural, pois o catálogo actual é previo a moita desta lexislación.
Ademais de enumerar os elementos catalogados, o catálogo terá que organizalos por núcleos e parroquias e engadir unha ficha individualizada de cada elemento catalogado coa descrición gráfica das súas características construtivas e estado de conservación, e as determinacións para a súa conservación, rehabilitación, mellora ou recuperación.