Caldas aproba inicialmente o plan de actuación municipal fronte o risco de inundacións
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publica este martes o anuncio de aprobación inicial do plan de actuación municipal fronte ao risco de inundacións do Concello de Caldas de Reis.
Por acordo unánime da corporación no pleno ordinario de setembro, deuse luz verde de maneira inicial ao mencionado plan que agora abre prazo de información pública durante vinte días hábiles e estará a disposición dos interesados no Taboleiro de Anuncios do Concello e na sede electrónica do concello
O plan de actuación municipal ante o risco de inundacións (PAMRI) ten o propósito de facerlle fronte ás emerxencias por inundación dentro do ámbito municipal establecendo a organización de actuacións, dos recursos e servizos propios.
O plan aplicarase en calquera situación de alerta, emerxencia, e fin de emerxencia producidas por inundacións no territorio do Concello de Caldas. No caso de que o nivel de emerxencia superase o nivel de capacidade de resposta do Concello, solicitarase a mobilización dos medios e recursos adscritos no Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL), no que se integrará o novo plan municipal.
O documento establece a estrutura organizativa e os procedementos para a intervención en emerxencias por inundación, indica os elementos vulnerables en funcións do risco, especifica os procedementos de información e alerta á poboación e cataloga os medios e os recursos específicos para a posta en práctica das actividades previstas.
As canles fluviais que teñen relación coas Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundacións (ARPSI) son os do río Umia, río Bermaña e o rego de Follente.
O alcalde, Juan Manuel Rey, fixo fincapé na importancia de "aplicar medidas preventivas ante situacións de alerta por inundacións e na necesidade de contar con protocolos sistematizados de actuación como os expostos no plan que protexan a poboación ante subidas do nivel dos ríos como consecuencia das fortes chuvias".