A Xunta rematará en marzo a reforma dos últimos andares do seu edificio en Benito Corbal
Por Redacción
A remodelación completa do edificio da Xunta en Benito Corbal estará lista no mes de marzo. Así o anunciou este martes o vicepresidente Alfonso Rueda durante a súa visita ás obras de acondicionamento das plantas quinta, sexta e sétima deste céntrico inmoble no que o goberno autonómico inviste máis de 800.000 euros.
De forma paralela á execución destes traballos, moitas asociacións xa levan meses instaladas nas dependencias deste edificio e Rueda aproveitou a visita para entrevistarse con algúns deles. Son 28 as asociacións adxudicatarias dun local no edificio de Benito Corbal.
É preciso lembrar que o resto do edificio xa fora reformado nunha primeira fase, que incluíu desde o soto á cuarta planta, que permitiu ofrecer un espazo para o tecido asociativo da cidade e tamén para dar cabida ás oficinas de emprego.
Os traballos céntranse agora en acondicionar os teitos, pavimentos e bloques de aseo, así como as instalacións de climatización, electricidade e telecomunicación antes de poñer estes tres andares ao dispor da Universidade de Vigo. Por outra banda, a oitava será cedida á Fundación Manuel Moldes.
O orzamento total investido na reforma do edificio ascende a 5,6 millóns de euros que permitiron recuperar para o uso público preto de 6.000 metros cadrados.