Denuncia na comisaría de Marín unha falsa oferta de emprego pola que pagou 850 euros
Por Redacción
A Policía Nacional advirte dunha estafa realizada a través de Internet mediante unha falsa oferta de emprego en Palma de Mallorca.
A investigación comezou o pasado día 3 de outubro coa denuncia interposta, na comisaría local de Marín, por unha persoa que fora vítima dunha estafa ao acceder a unha oferta de traballo en Palma de Mallorca a través dun coñecido portal de compra e venda.
Segundo o relato do denunciante, unha muller ofrécelle o traballo e dille que contacte cun tal Francisco para xestionar o aloxamento. O tal Francisco envíalle un suposto contrato de arrendamento de longa duración polo que ingresa a través da banca online un total de 850 euros en concepto de dous meses de fianza, un mes de antelación e un seguro para a limpeza diaria con ozono da habitación.
Unha vez ingresado o diñeiro, púxose en contacto novamente coa muller e esta díxolle que antes de viaxar debería facerse a proba da COVID-19.
Tras esta última petición de ingreso de diñeiro, 150 euros, a vítima tratou de poñerse en contacto coa muller pero no seu lugar respondeu un home que lle dixo que alí non había ningunha muller con ese nome e que posiblemente fora vítima dunha estafa porque esa mesma mañá presentouse no local outro home insistindo en que tiña un traballo alí e o aloxamento pago.
Por todo iso decidiu interpoñer denuncia en dependencias policiais.
Axentes policiais adscritos ao grupo de xudicial da comisaría local de Marín fixéronse cargo da investigación dos feitos.
RECOMENDACIÓNS DA POLICÍA NACIONAL
Ante este caso, a Policía Nacional ofrece unha serie de recomendacións, tanto no mundo online como offline, para previr e evitar ser vítima de estafas, fraudes ou timos:
- Aquelas supostas ofertas de traballo que requiren un desembolso económico previo non son, case nunca, reais e esconden un engano ou afán lucrativo á conta dos que buscan emprego. Investiga na internet o teléfono ou características do anuncio.
- Actúa con "desconfianza racional" e sentido común ante ofertas ou mensaxes de fontes descoñecidas.
- Non creas en choios, gangas e "ofertas incribles" e realiza sempre as transaccións económicas a través de plataformas seguras.
Relacionadas:
-
Alertan da presenza en Pontevedra de falsos revisores do gas
Por Redacción |
-
Identifican dúas persoas por estafar uns 50.000 euros a maiores de Pontevedra
Por Redacción |
-
Demandan máis persoal da Policía Nacional para a investigación de ciberdelitos, á alza nos últimos meses
Por Natalia Puga |
-
A Policía 'caza' o autor de máis de 50 estafas pola internet que lle reportaron 50.000 euros
Por Redacción |
-
Un pontevedrés denuncia que unha muller á que coñeceu por internet estafoulle 72.000 euros coa escusa da cobranza dunha herdanza
Por Natalia Puga |