Convocan unha concentración para demandar a atención presencial na asistencia sanitaria en Marín
Por Redacción
O BNG de Marín convocou unha concentración para este xoves 15 de outubro ás 11.30 horas diante do centro de saúde da vila. Con esta acción queren demandar a atención presencial na asistencia sanitaria.
Denuncian que a Xunta de Galicia reduciu drasticamente a asistencia presencial, pechou consultorios e PACs, ademais de restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais. Alertan de que o SERGAS apostou preferentemente pola consulta telefónica, unha decisión que consideran de "consecuencias desastrosas".
Afirman que hai poucos profesionais sanitarios e o persoal atópase ao límite por esgotamento físico e mental; as listas de espera son de semanas mesmo para consultas telefónicas, os pacientes crónicos atópanse indefensos e os usuarios dos centros de saúde teñen que enfrontarse a colas á intemperie para acceder ás consultas.
Temen que se produza un problema de saúde colectiva e de cronificación de patoloxías, polo que animan á poboación de Marín a sumarse a esta concentración á que asistirá o deputado parlamentario nacionalista Paulo Ríos Santomé.