Unha axuda estatal permitirá renovar a iluminación pública en Verducido e os dous 'Xeves'
Por Alejandro Espiño
Pontevedra recibirá algo máis dun millón de euros para renovar toda a iluminación pública en tres parroquias do rural: Verducido, Santa María de Xeve e Santo André de Xeve. Será a través dunha subvención que concedeu o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), organismo adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.
En concreto, o IDAE achegará 1.055.724 euros para esta actuación. É o 80% do custo total dun proxecto que ascende a 1.319.000 euros. Os 255.000 restantes financiaraos o Concello de Pontevedra con recursos propios. Esta cantidade xa se recollía no orzamento para 2020.
O edil de Facenda, Raimundo González, destacou que este proxecto ten " moitísima transcendencia", xa que permitirá renovar case 2.000 puntos de luz nas tres parroquias. Ademais, cambiaranse os 28 cadros da iluminación e colocaranse lámpadas LED.
Desta maneira, o goberno municipal estima que se producirá un aforro enerxético de ata un 70%, xa que o consumo actual da iluminación pública en Verducido e os dous 'Xeves' ascende a uns 900.000 quilowatts e, tras o cambio, reducirase a uns 280.000.
González sinalou que con este proxecto limitarase aínda máis a pegada de carbono da iluminación pública pontevedresa, aumentará a eficiencia enerxética, reducirase a contaminación lumínica e o custo de mantemento será menor.
O Concello terá agora un prazo de seis meses para licitar a renovación da iluminación, que debe estar adxudicada antes de setembro de 2021 e executada, como máximo, dentro de 30 meses. É dicir, no primeiro trimestre de 2023.
Con esta actuación, Pontevedra renovaría o 50% da iluminación en todo o rural, tras os proxectos postos en marcha en Ponte Sampaio, A Canicouva, Bora e Lourizán. A través doutra subvención solicitada ao IDEA prevese abordar Campañó, Alba e Cerponzóns.
Relacionadas:
-
A renovación do alumeado en Alba, Cerponzóns e Campañó elevará ao 90% o LED no rural
Por Alejandro Espiño |
-
Verducido e os dous 'Xeves' estrearán iluminación eficiente dentro de seis meses
Por Alejandro Espiño |
-
Marcón e Mourente cambiarán a LED máis de dous mil puntos de luz
Por Alejandro Espiño |
-
Os técnicos municipais suxiren instalar 'lombos' no camiño escolar de Santo André de Xeve
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello ordena a retirada do peche do predio do Pazo de Gondar
Por Redacción |
-
Proxectan conectar os 'Xeves' coas ribeiras do Lérez, O Pontillón e Bora cunha rede de sendas fluviais
Por Redacción |
-
Unha empresa de Pontevedra renovará un terzo da iluminación de toda Ámsterdam
Por Alejandro Espiño |
-
Aproban o cambio a LED de toda a iluminación pública de Campañó, Alba e Cerponzóns
Por Alejandro Espiño |