Convocan eleccións en Ciencias Sociais tras a renuncia do seu decano
Por Oskar Viéitez
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación elixirá novo decano ou decana o 4 de novembro, despois de que o profesor Xosé Baamonde formalizase a súa renuncia a completar o seu segundo mandato á fronte deste centro do campus pontevedrés, do que é decano desde decembro de 2015.
Profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Baamonde xustifica a decisión en "razóns persoais, para poder estar máis tempo coa familia".
Xa o pasado curso tomara a decisión de non completar o seu segundo período de tres anos á fronte da facultade, máis a crise xerada pola covid-19 obrigou a adiar a súa dimisión "ata que o novo curso estivese en marcha", sinala.
A convocatoria feita pública este mércores fixa para o 4 de novembro a celebración da Xunta de Facultade na que se votará ao novo ou nova responsable do centro, trala proclamación das candidaturas que se presenten entre o 23 e 29 de outubro.
BALANCE
En declaracións ao Diario da Universidade de Vigo, destes cinco anos "fago un balance moi positivo, creo que se aprende moito e que estar en postos de xestión debería ser case unha obriga para os membros da comunidade docente", salienta o xa decano en funcións.
Dos "logros" acadados pola facultade nestes cinco anos, Baamonde destaca, entre outros, a creación, en 2018, do Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais ou a renovación dos plans de estudos dos graos en Comunicación Audiovisual e Dirección e Xestión Pública, que estrea no presente curso a modalidade virtual.
Relacionadas:
-
Emma Torres, única aspirante a ocupar o Decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción |
-
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación prepara o seu 25 aniversario
Por Redacción |
-
Xosé Baamonde continuará tres anos máis á fronte de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción |