Galicia mantén o seu compromiso coas vítimas de violencia de xénero co reforzo das medidas de apoio
Por Redacción
A loita contra a violencia de xénero é un compromiso que en Galicia se materializa a través da posta marcha de accións que converten á nosa comunidade en referente para o resto do Estado. Neste senso, hai que destacar que a Xunta executou xa o 100% das medidas do 'Plan de actuación para a implantación das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero' no ano 2019. E esta é a liña de traballo que se está a seguir no presente 2020, malia todas as dificultades que supón o escenario da pandemia do coronavirus..
A estratexia do Goberno autonómico baséase nun enfoque transversal das actuacións, implicando a todos os departamentos.
Cómpre destacar as medidas de apoio ás vítimas levadas a cabo pola Xunta durante o período de confinamento e o estado de alarma a causa da covid-19. É o caso do mantemento da operatividade de servizos a disposición das vítimas, como o teléfono de atención á muller, asesoramento xurídico online, apoio psicolóxico ou servizos de carácter administrativo. Ademais do reforzo da rede de centros de acollida ou a ampliación do bono de alugueiro social. Todo isto apoiouse nunha campaña institucional para facer accesible a información sobre estes recursos e servizos.
SERVIZOS DE APOIO OPERATIVOS
No tempo do confinamento, a Xunta puxo en marcha un Plan que asegurase que todas as coberturas asistenciais ás vítimas de violencia de xénero mantivesen as súas actuacións. Estes servizos abranguen unha ampla operativa: o teléfono de atención da Xunta de Galicia 900 400 273 dispoñible as 24 horas do día; asesoramento xurídico online; apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como en sesións telemáticas; apoio psicolóxico específico para vítimas de violencia sexual; quenda de garda psicolóxica permanente, tanto para atención nos momentos iniciais de presentación da denuncia como para apoio en sede xudicial; seguimento das vítimas dende o Punto de Coordinación das Ordes de Protección; apoio psicolóxico e social nas Oficinas de Atención ás Vítimas en sede xudicial; outros servizos de carácter administrativo e de xestión de axudas económicas, operativos online, por teléfono e por correo electrónico; o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero e o Centro de Emerxencia radicado en Vigo.
COBERTURA DOS CENTROS DE ACOLLIDA
A crise sanitaria demandou unha resposta rápida da Xunta para que ningunha muller nin menores ao seu cargo vítimas de violencia de xénero quedasen desprotexidos. Neste senso, foi prioritario o reforzo da rede de centros de acollida a través de diversas medidas: mantemento da operatividade dos Centros de titularidade municipal, das ONG´s e das entidades sociais para acoller a mulleres; posta en marcha de recursos alternativos para ampliar a cobertura, a través de habilitación de albergues, hostais e pensións, dotados de persoal especializado na atención ás vítimas; e ampliación do Servizo de traslado de vítimas a centros de acollida, que a Xunta presta en colaboración con Fegataxi, a outro tipo de traslados inescusables que necesitasen estas mulleres durante o estado de alarma.
MEDIDAS ECONÓMICAS
Ademais do apoio psicolóxico e social, desde o Goberno autonómico contempláronse actuacións para mitigar o impacto económico que a crise sanitaria tivo sobre as vítimas. A principal medida foi a ampliación do Bono de aluguer social que a administración galega ten ao dispor das vítimas de violencia de xénero, de tal xeito que a Xunta está a asumir o pago do 100% do aluguer, ademais do mantemento de todas as axudas económicas.
BALANCE DO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2020
No referente ás actuacións realizadas, a Xunta concedeu durante o primeiro semestre deste ano 2020 axudas económicas a 505 mulleres vítimas de violencia machista, o que supón un aumento do 27,5% respecto ao período anterior.
A atención directa tamén reflicte este esforzo do Goberno galego en dar cobertura ás vítimas de violencia de xénero. Neste senso, o teléfono de información á muller recibiu 1.842 consultas (un 35% de incremento sobre o ano pasado); os 82 Centros de Información á Muller que hai en Galicia atenderon 5.465 consultas (un 16,6% máis ca en 2019); o programa de atención psicolóxica a mulleres vítimas dá violencia de xénero, aos seus fillos e persoas dependentes ao seu cargo atendeu a 624 persoas no primeiro semestre (32 persoas menos que no ano anterior); e nas casas de acollida aloxáronse sucesiva e temporalmente 142 persoas (78 mulleres e 64 menores) cunha diminución dun 13,4% con respecto ao mesmo período do ano pasado.