Moraña conxela os impostos e taxas municipais para 2021
Por Redacción
O Concello de Moraña procederá á conxelación total dos impostos e das taxas municipais para o vindeiro ano 2021. Así o anunciou o alcalde, José Cela, no marco do inicio do proceso de elaboración dos Orzamentos 2021, que comezarán a ser preparados polos servizos técnicos coas directrices e as políticas deseñadas polo goberno local.
Segundo informou o Concello, esta conxelación baséase no seu programa de goberno, que recolle o compromiso de manter estables todos os tributos no horizonte desta lexislatura ata o ano 2023, e tamén nos graves efectos socioeconómicos da crise sanitaria da covid-19, que instan a aliviar o máximo posible os petos e as economías domésticas das familias de Moraña.
A conxelación fiscal decretarase para o vindeiro exercicio e, en principio, terá continuidade tamén nos anos 2022 e 2023.
O alcalde lembrou este xoves que o Concello leva aplicando dende o ano 2011 "a máxima contención fiscal", chegando mesmo a aplicar rebaixas, como foi o caso da taxa do lixo o pasado ano cunha redución do 10%.
Á vista do actual contexto, tomaron esta medida porque "hai que axudar aos veciños todo o posible porque é cando máis o necesitan e cando máis teñen que ter de preto á súa administración local.
O Concello de Moraña ten a súa presión fiscal municipal cifrada nunha media de 216,87 euros por habitante ao ano, o que supón unha das cinco ou seis máis baixas da provincia de Pontevedra e unha das 25 máis asequibles de entre os 313 concellos galegos.