A Deputación súmase ao Día Internacional das Mulleres Rurais

Por Cristina Saiz
A Deputación de Pontevedra celebra este xoves o Día Internacional das Mulleres Rurais adheríndose á declaración institucional da FEMP para reivindicar o seu papel e facer fincapé na necesidade de adoptar medidas para garantir unha mellora na súa situación, e máis no contexto de crise sanitaria actual.
O goberno provincial sitúa á "igualdade de xénero no ámbito rural como unha prioridade, sobre todo tendo en conta a masculinización á que está sometida a súa poboación, que xera vulnerabilidade e invisibilidade entre as mulleres rurais".
Deste xeito, a Deputación considera fundamental empoderar ás mulleres e nenas do rural, erradicar comportamentos desiguais neste ámbito, reivindicar a necesidade de garantir a financiación suficiente para impulsar políticas de igualdade no rural e facer fincapé no papel esencial das mulleres para o desenvolvemento económico destas zonas.
Xunto a esta adhesión, a institución provincial abriu tamén este xoves, a través de www.depo.gal, o prazo de inscrición para participar na xornada "As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural", en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), que terá lugar o 28 de outubro ás 11.00 horas a través de Zoom.
Nesta xornada participarán mulleres dos sectores hortofroiteiro, como Patricia Rodríguez, socia da Asociación de Cultivos do Baixo Miño ACUBAM; do sector gandeiro, como Mari Luz García Barreiro, produtora de vacún de carne da raza rubia galega de Nigoi, A Estrada; da educación pública como Teresa Domínguez Pérez, directora do Colexio Rural Agrupado de Tui; e de entidades sociais como Rosa Arcos Caamaño, presidenta de FADEMUR Galicia.
Todas elas afondarán en temas como o impacto da covid nos seus respectivos sectores, os retos durante o confinamento e na nova normalidade, a corresponsabilidade, a volta ao colexio, o espazo rural na era post-covid e os retos de futuro.
Relacionadas:
-
Pontevedra reivindica o "papel esencial" das mulleres do rural, un 23% das empadroadas no concello
Por Redacción |
-
Nace a "Alianza local polos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible"
Por Oskar Viéitez |
-
Ángeles Vázquez apela á muller emprendedora para lograr o desenvolvemento "pleno e duradeiro" do rural
Por Redacción |