Diego Giráldez, Cristina Pato e Miriam Ferradáns, finalistas do premio Fernández del Riego
Por Redacción
Afundación desvelou este xoves que Diego Giráldez, Cristina Pato e Miriam Ferradáns son os autores dos tres artigos finalistas que optarán ao premio de xornalismo Fernández del Riego na súa décimo séptima edición.
O xurado, presidido por Víctor Freixanes, destacou que nesta ocasión foi necesario un "debate extenso" para elixir os tres finalistas ante o "sobresaínte nivel" dos artigos presentados, todos eles en galego e publicados en medios de comunicación.
"Tentamos que os tres textos tivesen permanencia para que dentro de dez anos podámolos ler dicindo que aquí hai unha peza literaria", engadiu Freixanes, que defendeu que o xornalismo "tamén forma parte dos xéneros literarios".
Ao premio, que está dotado con 10.000 euros, concorreron este ano un total de 19 artigos publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro, incluídos todos eles no xénero do xornalismo literario ou de opinión.
No caso dos finalistas, Miriam Ferradáns opta ao premio polo seu artigo Aprender a contar, publicado en Sermos Galiza; Diego Giráldez por A cardiopatía de Xulia, publicado en Praza Pública; e Cristina Pato por Realidades paralelas, dispoñible en La Voz de Galicia.
O director xerente de Afundación, Pedro Otero, destacou o "labor complicado" do xurado na súa selección pola calidade dos textos presentados e polo "papel esencial" que desempeña o xornalismo en momentos "tan extraordinarios" como o actual.
O XVII Premio Fernández del Riego, que se fallará en próximas semanas en Pontevedra, conta entre os seus últimos gañadores a profesionais de prestixio como Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado ou Inma López Silva.
Relacionadas:
-
Claudia Morán, Diego Giráldez e Francisco Castro, finalistas do premio de xornalismo Fernández del Riego
Por Redacción |
-
As "realidades paralelas" de Cristina Pato gañan o XVII Premio Fernández del Riego de xornalismo
Por Alejandro Espiño |
-
Inma López Silva reivindica o xornalismo "libre e crítico que remove conciencias" na entrega do Fernández del Riego
Por Redacción |