Cuntis reclama á Xunta que se lle inclúa no transporte público de Pontevedra e Santiago
Por Redacción
Melloras en infraestruturas e servizos ou financiamento para diferentes proxectos. Son as grandes áreas nas que se inclúen as peticións que realizou este xoves o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, á nova delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro.
De entrada, Campos reclamou que se resolva con urxencia os problemas na atención sanitaria, xa que só hai dous médicos no centro de saúde o que provoca que teñan unha carga de traballo excesiva. Ademais, pediu o arranxo da cuberta do edificio que está moi deteriorada.
Cuntis tamén quere ser incluído no transporte metropolitano de Santiago e Pontevedra, o que permitiría que os mozos da vila viaxen a estas cidades a prezos moi reducidos como xa pode facer a mocidade de municipios limítrofes.
Entre outros asuntos, o alcalde tratou coa delegada da Xunta as necesidades de limpeza do río Gallo, especialmente a retirada de árbores caídos no leito; ou a mellora do abastecemento cun novo depósito de cabeceira na ETAP de Sebil, xa que agora a rede é compartida con Moraña.
A ampliación do saneamento no rural, a mellora das beirarrúas da Rúa Convento ou diversas actuacións no ámbito da parcelaria de Troáns foron outros dos temas abordados na xuntanza.
Por outra banda, o rexedor insistiu na necesidade dunha axuda económica que permita ao Concello adquirir novos vehículos para a Policía Local e o servizo de extinción de incendios dada a antigüidade dos mesmos, un novo camión de recollida de lixo e máis contedores.
Manuel Campos demandou tamén a renovación da pista de acceso ao monte Xesteiras, a mellora das conexións da vila con Moraña, o arranxo do teito do colexio Don Aurelio ou un maior apoio para o desenvolvemento do polígono da Ran.
"Son moitas as actuacións que a Xunta de Galicia ten que cubrir en Cuntis, pero todas elas son asumibles por parte do goberno autonómico e foron realizadas dende unha posición totalmente construtiva porque son moi necesarias para os veciños e veciñas do municipio", destacou o alcalde tras o encontro.
Relacionadas:
-
O Grove esixe "non quedar fóra" do transporte metropolitano de Pontevedra
Por Redacción |
-
O alcalde de Barro pídelle un novo centro de saúde á Xunta
Por Redacción |
-
Cumio entre Moraña e Cuntis para reforzar a súa cooperación interterritorial
Por Redacción |
-
Luisa Piñeiro trasladará á Xunta as peticións do Concello de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Vilanova pide á Xunta a reordenación e humanización de todo o entorno do auditorio
Por Redacción |
-
Poio traslada á delegada territorial da Xunta a necesidade de reformar a PO-308 entre a Barca e Porteliña
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas traslada á Xunta o seu interese por abrir a Casa de Quintán
Por Redacción |