Pontevedra, única parada en Galicia da 'Volta a España pola Diabetes'
Por Redacción
A cidade de Pontevedra será, entre os días 29 de outubro e 1 de novembro, a única parada que fará en Galicia a 'Volta a España pola Diabetes', unha iniciativa virtual que busca impulsar a investigación sobre esta enfermidade crónica e concienciar á sociedade.
Esta iniciativa, que arrancou o pasado 12 de setembro, está promovida pola Fundación Diabetes Cero e a Asociación Diabetes Madrid. Consta de 17 paradas, asociada cada unha a un Obxectivo de Desenvolvemento Sostible da ONU (ODS).
A carreira é un desafío colaborativo e non competitivo para difundir hábitos saudables. Hai participantes a nivel individual ou colectivo. Mediante unha APP contan os seus pasos e suman os seus quilómetros ata percorrer as distancias que separan en cada etapa a dúas cidades españolas.
No caso de Pontevedra, a cidade participará en dúas delas. Na primeira será o punto de destino dunha etapa que comeza a 640 quilómetros, en Bilbao; mentres que a continuación será a saída da etapa que concluirá en Valladolid, tras completar outros 460 quilómetros.
A parada na cidade do Lérez está dedicada ao ODS-14, vida submarina. Por iso, na súa organización participa o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, centro dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Será o responsable de ofrecer material divulgativo ao remate da etapa.
A súa investigación multidisciplinar pretende contribuír aos ODS en predicir cambios nos océanos e no clima para combater ou mitigar o seu impacto, analizar como usar de forma sostible os océanos, mares e recursos mariños e garantir a seguridade alimentaria, mellorar a alimentación, a saúde e o benestar dos humanos.
"Cos nosos vídeos e actividades pretendemos promover a cultura oceánica entre as persoas que participan, mostrarlles como o océano inflúe en nós pero tamén como nós influímos no océano ", explican desde o organismo.
A inscrición á carreira realízase a través da web https://www.kilometrosporladiabetes.org.