A aposta do IES de Ponte Caldelas polo patrimonio ten premio: Escola Viva e UGT recoñecen a súa innovación educativa
Por Redacción
Os galardóns aos Proxectos de Innovación Educativa convocados polo Movemento de Renovación Pedagóxica 'Escola Viva' e UGT de Galicia deron o seu máximo recoñecemento ao IES de Ponte Caldelas, que recibiu o primeiro premio polo proxecto 'Patrimoni...ando'.
Trátase dun proxecto interdisciplinar das materias de Lingua Galega, Tecnoloxía e Xeografía e Historia no que o alumnado de terceiro curso da ESO realizou un traballo de recollida e tratamento de información sobre patrimonio material e inmaterial en aldeas de A Lama, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.
O alumnado traballou de xeito colaborativo en sesións de tres horas nas que se compartían coñecementos e procedementos das tres materias, desdebuxando así o que adoita ser un horario escolar compartimentado. Desde o centro destacan que "este é un dos retos da innovación pedagóxica na actualidade, a superación de materias desconectadas entre si".
O alumnado traballou co apoio das profesoras de Lingua Galega, Sabela Otero; Xeografía, Susana Trigo; e Tecnoloxía, Isabel Torres. Coa axuda do equipo docente, os equipos de investigación recolleron léxico e toponimia, analizaron a evolución do territorio e a paisaxe na comarca a través da cartografía e inventariaron elementos patrimoniais como hórreos, pontes, cruceiros, petróglifos, castros ou pasos dos ríos, que foron debuxados e fotografados.
Ademais, afondouse na creación desta información en soportes dixitais e fíxose unha achega ao deseño de elementos de arquitectura popular en 3D. Posteriormente, toda a documentación recollida envorcouse nunha páxina web que explica o proceso e desde a que se pode acceder aos traballos.
Desde o IES de Ponte Caldelas destacan que con este premio reciben "un pulo nunha das súas liñas pedagóxicas máis relevantes", a educación ambiental e patrimonial.
"Parécenos moi importante recoller o léxico e os elementos patrimoniais da nosa contorna", destacan, e contextualizan o seu traballo nun momento actual no que se está a vivir un proceso de desaparición do patrimonio que tanto uso tivo no pasado, desde o idioma ás estruturas construídas.
Dado que aínda hai testemuñas vivas, os avós e avoas do alumnado, queren traballar neste eido. De feito, as familias foron a principal fonte de información para o proxecto.