O BNG urxe á restauración da ponte de Portamuíños para evitar o seu colapso
Por Redacción
O portavoz do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira Touriño, recollendo a reclamación e preocupación pública feita polo colectivo Capitán Gosende, vén de solicitar do alcalde, Jorge Cubela, que actúe con celeridade para evitar o colapso da ponte de Portamuíños.
Esta ponte, situada no Camiño das Raposeiras que comunica os lugares de Melide e Cavenca presenta na actualidade graves problemas estructurais, cun dos dous piares de apoio do taboleiro con importantes desperfectos, que pon en perigo a propia estructura e a integridade dos transeúntes.
Os desperfectos van asociados ás correntes do río que levaron por diante un dos catro perpiaños que formaban o tallamar arredondado así como a cachotería de apoio entre él e a base da estructura datada en 1933.
Dende o Bloque sinalan qeu "perante a situación de perigosidade da ponte", da chegada da época de choivas así como pola súa impronta histórica, cultural e etnográfica e de utilidade pública para a vida veciñal e sendeiristas das rutas do pai Sarmiento e Cavenca-Cavadosa "é urxente a súa intervención e restauración, acorde coa pedra e estructura tradicional, a fin de evitar o seu inminente derrubamento".
Ademais de urxir a restauración da ponte de Portamuíños, Ernesto Filgueira reclamou coidar máis o patrimonio e acometer tarefas de limpeza, consolidación e restauración nas pontes medievais de Pedre e Parada sobre o Río Lérez e nas pontes de Arén, Limeres e Cervas.
Para abordar este outros temas de interese para a veciñanza de Cerdedo-Cotobade, Filgueira volveu insistirlle ao alcalde na necesidade de convocar unha xunta de portavoces.