A Deputación súmase ao Día para a Erradicación da Pobreza e anuncia que repetirá o ciclo 'Defensoras de dereitos'
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra súmase este sábado á conmemoración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza cunha reivindicación da fin da fame, das desigualdades e da pobreza e a promoción da saúde e do benestar.
Ademais, anuncia que porá en marcha programas para rachar coa pobreza, a fame e as desigualdades e en novembro celebrará por terceiro ano consecutivo o ciclo 'Defensoras de dereitos'.
O ciclo realizarase en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD no marco dos 'Días Europeos da Solidariedade Local', que impulsa a FEMP e a Rede Europea de Gobernos Locais e Rexionais para o Desenvolvemento.
A Deputación explica que se trata dunha iniciativa que pretende visibilizar o papel que desenvolven as mulleres mesoamericanas (México, O Salvador, Guatemala, Honduras e Nicaragua) ligadas a IMDefensoras (Iniciativa Mesoamericana de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos) na defensa e loita polos dereitos humanos.
A través deste proxecto, vaise traballar na defensa dos dereitos humanos e na promoción do desenvolvemento humano sostible organizando unha exposición adaptada para escaparates do pequeno comercio da provincia, charlas e encontros online e contos coas historias das mulleres activistas.
Ademais, a Deputación de Pontevedra ten en marcha o convenio de colaboración con UNICEF que este ano está destinado ao subministro de equipamentos para facer fronte á covid-19 e garantir servizos básicos como auga, saneamento, hixiene e saúde para as nenas e nenos de Senegal.
Neste ano 2020, a Deputación está a destinar máis de medio millón de euros a entidades sociais e concellos da provincia para que poidan poñer en marcha proxectos encamiñados a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza e a paliar situacións de emerxencia, achegando recursos extraordinarios para dar resposta, entre outras cuestións, ás necesidades derivadas da pandemia da Covid19, demandas de alimentos ou de produtos farmacéuticos e/ou de hixiene.
Trátase dunha nova iniciativa que se enmarca na campaña #ObxectivoPontevedraProvincia, aliñada no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que conforman a Axenda 2030 da ONU.
Relacionadas:
-
As 'Defensoras de Dereitos' volven por terceiro ano con dous novos libros e máis actividades na provincia
Por Redacción |
-
#Defensorasdedereitos, unha colección que recolle o labor de mulleres defensoras de dereitos humanos
Por Redacción |
-
Activistas de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua protagonizan a II edición de 'Defensoras de Dereitos'
Por Redacción |
-
A Deputación de Pontevedra entra no Consello de Goberno da nova Rede Local para a Axenda 2030
Por Redacción |