Portas inicia un "zafarrancho" de limpeza e desinfección de todas as súas marquesiñas
Por Redacción
O goberno municipal de Portas activou un dispositivo de limpeza, desinfección e acondicionamento de todas as marquesiñas existentes no municipio.
Foi a través dun operativo que levan a cabo os traballadores municipais como medida preventiva fronte a covid-19 e axeitar estas infraestruturas ás necesidades da poboación.
A acción consistirá no baldeo, limpeza e desinfección con hipoclorito das marquesiñas e tamén se afrontarán labores de reparación e posta a punto destas infraestruturas que acubillan á poboación, sobre todo escolar, cando agardan polo transporte público.
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, ordenou tamén incorporar algunha marquesiña máis en lugares que as necesitaban e a substitución dalgunha vella por outra en mellores condicións.
Ademais, os operarios do Concello de Portas continuarán de xeito rutineiro cos baldeos das zonas máis concorridas pola poboación, entre eles as inmediacións de centros educativos, centro de saúde ou edificios municipais, para seguir cos labores preventivos fronte a covid-19.