Os cans máis 'áxiles' do noroeste ibérico miden a súa destreza en Marcón
Por Redacción
Preto dun centenar de cans procedentes de Galicia, Asturias e Portugal participaron na proba puntuable para o campionato de España de Agility que se celebrou esta fin de semana no campo de fútbol do Carrasco (Marcón).
Organizada polo Club de Agility Patas en colaboración coa Sociedade Canina Galega e o Concello de Pontevedra, a competición permitiu ao público comprobar a extraordinaria destreza destes animais, algúns deles varios campións nacionais desta disciplina.
Nesta proba, dependendo das tres categorías nas que se dividiron os participantes, os cans tiveron que completar percorridos de entre 100 e 200 metros, sorteando un mínimo de quince obstáculos e un máximo de 22.
Os guías dispuxeron de sete minutos para memorizar o percorrido antes da competición e non tiñan permitido levar nada nas mans nin tocar os obstáculos ou ao can.