Unha borrasca moi activa entrará en Galicia este luns establecendo a alerta amarela nas Rías Baixas
Por Redacción
Unha borrasca entrará a partir de primeiras horas desta tarde de luns en Galicia achegando unha fronte moi activa que proporcionará choiva intensa e ventos fortes. Os ceos apareceron cubertos durante a mañá e a partir do mediodía serán localmente fortes na metade oeste e zonas altas.
As temperaturas mínimas experimentaron un lixeiro ascenso, mentres que as máximas descenderán lixeiramente situándose entre os 11 e os 21 graos. Os ventos soprarán fortes de compoñente sur, con intervalos moi fortes no litoral e nas zonas altas, segundo informa o servizo de MeteoGalicia.
A AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía) atendendo a esta previsión decretou o estado de alarma amarela nas zonas costeiras das Rías Baixas. Na zona do litoral da Coruña (oeste e suroeste) espérase un fenónmeno adverso no mar e nesa zona a alerta será de nivel laranxa a primeiras horas da tarde.
Durante o martes, a influencia das baixas presións continuará, cunha fronte que se situará no sueste. Durante a mañá os ceos manteranse parcialmente cubertos, con algunha choiva leve na zona sur de Galicia e nubes baixas no litoral atlántico. A partir do mediodía as choivas chegarán a toda Galicia. As temperaturas descenderán lixeiramente para establecerse entre os 12 e os 19 graos con ventos que soprarán do sur.
Na xornada do mércores 21 seguirá a influencia das baixas presións, con ventos de suroeste. Espérase outra xornada de ceos parcialmente cubertos, con chuvascos máis frecuentes no sur e oeste de Galicia. As temperaturas seguirán entre os 12 e os 20 graos.
Tampouco haberá cambios durante o xoves. As borrascas e os ventos de compoñente oeste seguirán afectando a toda a provincia de Pontevedra, con chuvascos máis frecuentes e intensos na franxa atlántica. As temperaturas tampouco experimentarán cambios significativos situándose entre os 11 e os 20 graos. O vento soprará frouxo de compoñente oeste.
De cara á fin de semana, Galicia continuará afectada pola influencia das borrascas atlánticas, con entrada sucesiva de frontes, e xornadas intermedias de relativa estabilidade. A probabilidade de precipitacións será alta en xeral e con temperaturas suaves debido ao predominio dos ventos de compoñente sur establecéndose entre os 10 e os 14 graos.