Pontevedra "saca peito" contra o cancro de mama
Por Manu Otero
As rúas de Pontevedra énchense de lazos rosas. Este luns conmemórase o día mundial do cancro de mama e, como é costume, a agrupación local da Asociación Española Contra o Cancro volveu saír á rúa para darlle visibilidade a unha enfermidade que no que vai de ano fóiselle diagnosticada a 700 pontevedresas.
Aínda que a xornada está dedicada a aquelas pioneiras que nos anos 70 comezaron a organizarse en asociacións para dar a coñecer esta doenza, de aí parte o lema "Saca Peito", o día está irremediablemente marcado pola pandemia da covid-19.
"Que a xente saiba que estivemos aí desde que empezamos co confinamento. O que máis se necesita é apoio emocional, pero tamén económico", sinala a presidenta do colectivo pontevedrés, Carmen Abeledo.
"Houbo moita xente que quedou sen traballo e o cancro representa un gasto económico mensual importante", remarca a presidenta incidindo tamén na extraordinaria situación sanitaria que "atrasou cirurxías e tratamentos, o que provoca queixas e medo de que a cousa non volva ao seu leito".
O medo ao contaxio é outro factor que agrava a situación das pacientes. "Todos os pacientes con cancro son inmunodeprimidos e se collen o coronavirus o risco será máis elevado, pero tamén se saben protexer e seguir as indicacións dos oncólogos", sostén a dirixente dunha asociación que durante a pandemia tamén prestou apoio a toda a sociedade de Pontevedra afectada pola covid-19.
Durante toda a mañá, voluntarios da agrupación permaneceron na praza da Peregrina á que se achegou moita xente para informarse, solicitar apoio ou colaborar co colectivo a través da compra de merchandising. O recadado será destinado principalmente á investigación contra este tipo de cancro.
"Sen investigación non hai curación", subliña Abeledo, quen destaca tamén a importancia do apoio psicolóxico, social logopédico de "un voluntariado sen o que a asociación non podería ter tanta actividade nin repercusión".
Relacionadas:
-
Luces rosas en Pontevedra polo cancro de mama
Por Redacción |
-
O cribado do cancro de mama alcanza ao 80% da poboación diana de Pontevedra
Por Redacción |
-
'Saca o peito por elas', campaña da AECC no mes do cancro de mama
Por Redacción |
-
Dicir a palabra cancro e combater o medo, obxectivos da AECC no día mundial contra esta enfermidade
Por Manu Otero |
-
Un sorriso máis forte que o cancro
Por Manu Otero |