A metade dun coche, o sorprendente descubrimento de Vaipolorío preto do Gafos
Por María José Pita
O colectivo Vaipolorío leva xa vinte campañas facendo limpeza no río Gafos. O seu interese en manter o leito do río limpo tamén atinxe á contorna. Camiñando por un vial pertencente a Adif e que discorre xunto ás vías do tren, esta fin de semana atopáronse cun obxecto inusual: parte da carrocería e do chasis dun coche.
Este descubrimento únese a outros obxectos cos que tamén se toparon na zona, aínda que se trata dun tipo de lixo máis habitual e que xa non sorprende aos membros da asociación ecoloxista: un colchón, un sofá e sacas con restos de obra. "O problema é que isto agora ten un efecto chamada, canto máis lixo hai é como as pintadas, cando empeza unha, logo hai outra e outra e prodúcese un efecto chamada e isto hai que paralo", laméntase Xosé Manuel Feijoo, membro de Vaipolorío.
O que sorprende do caso é que apenas unha semana antes, varios integrantes de Vaipolorío percorreron este mesmo camiño e a carrocería do coche non estaba, polo que é un depósito recente. Non ocorre o mesmo co colchón e o sofá, que xa levan un tempo ciscados.
Desde Vaipolorío denunciouse ante a Policía Autonómica e no Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil, pero a imposibilidade de identificar aos autores ou donos dos enseres impide dar solución a un problema que se vén repetindo na zona. Outra dificultade engadida débese á titularidade dos terreos, que ao pertencer a Adif, debe ser a entidade estatal a que se faga cargo do mantemento deste vial. "Nós témonos dirixido a Adif moitas veces e nunca nos contestaron", apunta Feijoo.
O camiño dá servizo ás casas e terreos que se viron afectados pola construción das novas vías do tren de alta velocidade e pasa polas parroquias de Salcedo e Tomeza, no concello de Pontevedra. Tamén é un lugar de tránsito habitual para os camiñantes que fan a ruta polo Gafos e, no caso de Vaipolorío "o único muíño restaurado que ten o río dos Gafos é precisamente alí, o muíño de Cabanas, entón precisamente para nós é un espazo que ten un valor e o estamos utilizando como un elemento etnográfico co seu valor didáctico e moitas actividades as facemos aí e utilizamos esa vía de servizo".
Por último, desde Vaipolorío laméntase que se sigan a producir estas verteduras, xa que con tan só unha chamada telefónica, calquera cidadán de Pontevedra pode solicitar a recollida de voluminosos sen ningún tipo de custe na porta da casa.
Relacionadas:
-
Nova vertedura de augas fecais ao río Gafos
Por Manu Otero |
-
Retiran o tronco da árbore que cortaba o carreiro peonil do río Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Abandonan entullo e catro frigoríficos no ENIL do río Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío denuncia que unha nova vertedura de terra no Gafos tinguiu a súa desembocadura na ría
Por Redacción |
-
Vaipolorío pide voluntarios para limpar de árbores caídas o río Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío atopa unha antiga moa dos muíños do Gafos
Por Redacción |
-
Desfanse dun colchón lanzándoo ao río dos Gafos
Por Redacción |