Convocan o concurso escolar de debuxo do CSIC: 'Poden enfermar as plantas?'
Por Redacción
O CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) organizou por décimo ano consecutivo o concurso escolar de debuxo dentro das actividades que esta entidade desenvolverá en Galicia con motivo da Semana da Ciencia.
A temática deste ano centrarase na pregunta 'Poden enfermar as plantas?', a proposta da Misión Biolóxica de Galicia con motivo do Ano Internacional da Sanidade Vexetal.
O concurso conta co patrocinio da Sociedade de Ciencias de Galicia e ENCE- Enerxía e Celulosa e a colaboración do Liceo Casino de Pontevedra e a Estación Fitopatolóxica Areeiro-Deputación de Pontevedra.
Neste certame poden participar escolares con idades comprendidas entre os 6-7 anos, 8-9 anos e 10-11 anos de centros educativos de toda España, que presentarán os debuxos a través dos seus centros escolares, cun límite máximo de 10 traballos por colexio e por cada categoría de idade.
Os debuxos poden enviarse por e-mail á dirección info@scg.org ou por correo postal ao Liceo Casino de Pontevedra ( C/Manuel Quiroga, 21, 36002 Pontevedra).
Todas as obras que se envíen formarán parte dunha exposición que se desenvolverá no Liceo Casino de Pontevedra entre o 23 e o 27 de novembro. O xurado seleccionará 10 debuxos por categoría e adxudicarase un primeiro e segundo premio por franxa de idade, ademais dun Premio Especial para concursantes dos municipios de Pontevedra, Marín e Poio.
Os primeiros consisten en material de debuxo ou librería por valor de 100 euros para o primeiro premio e premio especial mentres que o segundo premio recibirá material por valor de 50 euros. Entregaranse o 27 de novembro nun acto que terá lugar no Liceo Casino de Pontevedra.