Unha ferramenta electrónica permitirá xestionar impostos municipais a distancia
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra activará esta semana unha nova aplicación electrónica para o servizo municipal de Xestión Tributaria. Trátase dun apartado específico que estará operativo dentro da sede electrónica na páxina web municipal.
A través dela, os contribuíntes poderán domiciliar recibos, fraccionar os pagos, autoliquidar impostos e recibir notificacións vía SMS sobre a posta ao cobro dos recibos.
O uso desta aplicación está suxeita ás fórmulas de autentificación de clave dixital, segundo avanzou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
Esta aplicación comezará permitindo a autoliquidación dos impostos do ICIO, cemiterios e transportes especiais e que a idea "é ir aumentando paulatinamente todos os servizos que se poidan autoliquidar para que sexa máis sinxelo e reduza a atención presencial", engadiu a edil.
A posta en marcha desta aplicación está dentro do obxectivo do Concello de modernizar a administración local, unha estratexia financiada a través dos fondos europeos FEDER.