A división acentúase entre o goberno local e a oposición
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A corporación municipal de Pontevedra celebrou este luns o pleno ordinario de outubro marcado pola división entre o goberno local e a oposición. A sesión plenaria iniciouse cunha hora de atraso debido a problemas técnicos que impediron a súa retransmisión por internet.
O pleno, cos votos do BNG e PSOE, acordou a disolución e supresión do organismo autónomo Pazo de Congresos e Exposicións e, de maneira unánime, todos os grupos aprobaron unha actualización das tarifas dos taxis para o ano próximo.
Ademais rexeitouse a petición do PP para que o Concello de Pontevedra adhírase ao programa Xantar na casa da Consellería de Benestar.
Os maiores enfrontamentos verbais xurdiron no resto dos puntos da orde do día. Por unha banda, coas dúas da mocións do Partido Popular e do concelleiro non adscrito Goyo Revenga sobre o peche ao tráfico da rúa Reina Vitoria.
Ambas foron rexeitadas do mesmo xeito que ocorreu coa iniciativa defendida pola popular Pepa Pardo na que se instaba ao Goberno presidido por Pedro Sánchez a reivindicar a Constitución de 1978, a separación de poderes e a "unidade de España".
O tenente de alcalde Tino Fernández sinalou que "o PP non nos pode dar aos socialistas ningunha lección de constitucionalismo" e, entre outras consideracións, acusou aos populares de "hipocrisía política".